Opinión

A lista de país non se pacta con Madrid

O 24M obriga a tod@s a mover ficha.


O 24M obriga a tod@s a mover ficha. A tod@s. Non só a uns.Iso é o que torna politicamente apaixonantes os meses que fican por diante, marcados por un calendario que, xa o estou vendo, hanos deixar extenuados: xerais en novembro/decembro e galegas no outono de 2016. As municipais foron as primarias das xerais e os resultados confirmaron esa impresión. Pois ben, as xerais serán primarias das galegas. O taboleiro non terá acougo. Todo, absolutamente todo, desde a hexemonía do Partido Popular até o futuro do nacionalismo galego pasando pola reconfiguración do espazo da esquerda estatal na Galiza, está en cuestión. Estresante? Si. Divertido? Tamén (aínda que a diversión irá por parroquias). E será asemade determinante e talvez, talvez histórico, pois podemos estar nas vésperas dun ponto de inflexión que mude radicalmente o panorama político da nación galega para as próximas décadas.

A estación máis próxima son as eleccións xerais. Non son unhas xerais máis, son o test de resistencia do réxime do 78 e poden, ou non, abrir un período constituínte. A impresión é que novos continxentes de eleitoras e eleitores non envolvidos nen comprometidos coa Restauración Borbónica do 75-78 piden paso e queren tomar o poder político. Outra cousa é para que. Non creo que sexa realmente para facer ningunha revolución, senón simplesmente para adecuar a partitura ao presente momento histórico. Non está na súa axenda o rupturismo coa esencia do réxime -a integración do Estado español na UE e na NATO, o euro como moeda, a estrutura basicamente capitalista da economía, a unidade  do Estado-, senón un neo-reformismo que ao que aspira é a un certo aggiornamento e modernización socio-económica con pingas de saudades keynesianas. Aggiornar sería eliminar certos residuos post-franquistas (ben, non todos, a Monarquía no fundo non se discute) e expulsar do primeiro plano da política a xeracións que ou son herdeiras da clase dominante franquista ou pactaron con ela. Aggiornar, no mellor dos casos, e xa veremos, sería asumir na cuestión territorial o pragmatismo de David Cameron perante as demandas escocesas. Isto é, procurar un reacomodamento xurídico para que ao final, dun xeito ou doutro, as nacións sen Estado -Galiza, Catalunya, Euskal Herria- podan expresar o que pensan sobre o seu futuro.

 É tan cambiante a modernidade que a este paso ninguén vai ser quen de ser moderno

Este fenómeno de emerxencia de novos actores que piden o seu protagonismo abrollou coas multitudes nas rúas no movimento 15M e ten hoxe no plano político a Podemos como principal referente. O seu rol nas xerais será sen dúbida protagónico, entre outras cousas pola potencia mediática do seu líder, un mestre na comunicación política que se move como o peixe na auga nos platós de televisión -o ámbito que el propio proclama como o escenario básico dunha política, a actual, que xa deixou antiga a post-modernidade: si, amigas e amigos, todo vai tan rápido que a modernidade muda cada vez que lle damos a F5 no computador; é tan cambiante a modernidade que a este paso ninguén vai ser quen de ser moderno.

A eficacia das Mareas

Na Galiza ese mundo exprésase de forma máis complexa e ten a súa manifestación máis acabada nas chamadas mareas, ponto de confluencia de Podemos con Anova, Esquerda Unida e algúns sectores auto-organizados de bases sociais progresistas. As Mareas están en proceso de autodefinición e de conformación, non exento de contradicións, sobre todo porque a súa existencia como fenómeno está basicamente orientada á contenda eleitoral. Existen porque son eficaces na conquista do voto face o bipartidismo (primariamente face o bipartidismo, mais non só: non esquezamos que tamén elexeron combater o BNG en concellos como Pontevedra). E a virtude da eficacia leva tamén a certas penitencias: a súa indefinición ideolóxica, a súa invocación á "xente" (un suxeito evanescente, de perfís inconcretos) como actor da transformación, a súa conciencia híbrida no campo do identitario (e utilizo a mantenta o termo identitario pois non é casual que este sexa empregue sistematicamente por Martiño Noriega para se referir á cuestión nacional galega).

A cuestión chave aquí e se Mareas e Podemos acabarán confluíndo para as xerais, se ese subconxunto galego se integrará no estatal. As cartas están sobre a mesa, mais non á vista de todo o mundo. O cerimonial é o propio dunha partida de póker. Pablo Iglesias insiste en que Podemos irá como tal ás xerais, mais El País infórmanos de que un renacido Monedero (renacido porque a Operación Viaxe ao Centro foi abortada pola ancoraxe de Ciudadanos nese espazo)procura fórmulas imaxinativas para agrupar a todo o que sacha nas mesmas leiras. Ou sexa: o sector renovador de IU, Anova, Iniciativa per Catalunya e Compromis. E eu diría que a cousa vai ir por aí. Xa verán eles como o visten.

O BNG ten un reto xigantesco: conquistar para a súa causa aos novos continxentes descontentos co réxime

Unhas breves liñas para o bipartidismo. O PP vai ser na Galiza un partido por volta do 35% do voto, o cal, levando en conta a fragmentación do mapa, está ben, mais xa non é o escenario en que Feijóo poda pontificar: será un máis, un primus inter pares, el non está fabricado para iso, esa condición pode aturala en Madrid, que na súa concepción é a NBA da política, mais non na Galiza: aquí ou é absolutista ou non é. O PSOE resiste porque representa as xeracións do 75-78-82, o sebastianismo felipista. Manterá posicións, sobre todo nos concellos, mais o tempo corre na súa contra.

E logo está o nacionalismo galego. No seu Consello Nacional do 30 de maio, lanzou unha proposta razoábel: unha lista de país para as eleccións xerais. Unha lista de país significa unha convocatoria a todos aqueles axentes que deciden aquí a súa política. O BNG ten perante si un reto xigantesco: conquistar tamén para a súa causa aos novos continxentes descontentos co réxime, persuadilos de que o único cambio realmente sustantivo é que Galiza como nación e como cidadanía decida canto e até onde quere rachar o statu quo.

Os emerxentes dan bola a Madrid: petan na porta de Pablo Iglesias a ver se accede a non facer cuestión da marca Podemos, cun ollo posto nas xerais e outro nas galegas. Mais é evidente que unha lista de país só será tal se se decidir aquí. Unha lista de país non se pacta con Madrid. Parece unha obviedade decilo, mais estamos en tempos que dicer o obvio é revolucionario.

Este artigo viu a luz no número 148 de Sermos Galiza, disponíbel xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios