Opinión

Indignidade

Todo o que está a acontecer en Santiago constitúe un espectáculo bochornoso.

Todo o que está a acontecer en Santiago constitúe un espectáculo bochornoso. A mestura de incuria, corrupción, falta de decoro, ausencia de ética e prevaricación colocan o listón da indignidade a unha altura sen precedentes. Todo o que se podía facer mal, se fixo mal, do ponto de vista político. Xa veremos do ponto de vista xudicial como fica a cousa.

A demisión de Currás abre un novo escenario espérpentico ao provocar de rebote unha crise no goberno da Xunta. A sensación de falta de control por parte de Monte Pío é absoluta. En plena crise, e despois do contundente correctivo recibido nas urnas o 25-M, Feijóo desapareceu da escena, rumo a Xapón. Non serviu de nada a súa ausencia, como tampouco parece que sirvan de nada as súas presenzas. Por vez primeira desde 2009 -coa única excepción da crise levantada polas súas fotos amicais cun narcotraficante- Feijóo parece ultrapasado polos acontecimentos, incapaz de gobernar xa non só o país, senón a súa propia casa. Rajoy sorrí feliz na Moncloa: hai tempo que ve en Feijóo non un aliado, senón un rival.

O guión de Feijóo será o previsíbel. Poñerase ao frente da manifestación anti-corrupción, como se el non tivese nengunha responsabilidade política dada a súa condición de chefe político do exército de demitidos, como se non fose con el que Santiago, a capital da nación, vaia coñecer o seu terceiro alcalde en tres anos.

Que fará Feijóo? Apertarse aínda máis o cinto mediático, a blindaxe que o mantén aínda politicamente vivo. Até cando?

Comentarios