sábado 11.07.2020

Incendios: as responsabilidades da Xunta

As responsabilidades sobre os incendios forestais atinxen directamente a Xunta da Galiza. Non, amigas e amigos dos meios próximos a Monte Pío, aquí non ten nada a ver nen o maléfico Puigdemont nen o malvado Junqueras nen o pérfido Trapero.

Esta é unha historia vella e coñecida porque se repete ad nauseam. E repétese porque desde o actual executivo galego nunca se vai ás raíces do problema, nunca se vai ás causas. 

Hai responsabilidades da Xunta e Feijóo terá que comparecer no Parlamento galego para dar conta delas. Por que se relaxa o dispositivo anti-incendios nunha época de seca? Esa pergunta debe ser imediatamente contestada e non con subterfuxios nen, por favor, cun xuízo sumarísimo a un goberno anterior que deixou de tomar medidas executivas en 2009. Hai xa 8 anos!!!

Temos un problema de país gravísimo que ten a ver co abandono do rural e a forestación de terras agrarias con especies pirófilas a maior gloria dun xigante privado, a pasteira Ence. E temos un problema engadido e non menor: só 7 por cento dos incendios forestais investigados son levados a xuízo. Repito: só 7 por cento. 

Precisamos, si, unha policía galega digna de tal nome que teña entre os seus obxectivos prioritarios investigar as redes mafiosas que se lucran da industria do lume, sen as cais non arderían invariabelmente cada verán miles de hectáreas no noso país.

Incendios: as responsabilidades da Xunta
comentarios