Opinión

Hawking out of time

Breve historia do tempo é tan fascinante como un poemario de Borges. Non sei se o xenial poeta arxentino coñecía ou non a obra do astrofísico inglés (1942-2018) que acaba de deixar este mundo mais si sei que as súas especulacións sobre o paso do tempo, os xardíns dos sendeiros que se bifurcan, son un fío que nos leva directamente ás pesquisas de Hawking, á súa insondábel indagación sobre a orixe da materia, val dicer, sobre o sentido (ou o sensentido, a non programación de nada, o reino do azar) da vida.

Pérdome totalmente nos Principia Mathematica de Newton, así que non vos digo nada das lucubracións de física teórica de Hawking, os seus paseos á beira dos buracos negros, mais poucos libros me produciron tanto asombro como a Breve Historia do Tempo, a atracción polo incognoscíbel, o imán do inintelixíbel palpitaban aí, mais tamén o talento narrativo dun extraordinario divulgador, dun escritor moi dotado para captar a atención dalguén que raramente pasou do 6 ou do 7 nos exames de física.

Por que lembramos o pasado e non lembramos o futuro? Esa pergunta de Hawking podería ser un verso de Borges. Contén todo o misterio do mundo. A non linealidade do tempo, as outras dimensións hipotéticas. A física teórica é pura filosofía. Parece abstracta, mais non o é. Está feita de materia e a propiedade básica da materia é o tempo. Hawking, como antes Einstein, ensinounos que, tal como o percebemos, o tempo é unha ilusión, que en realidade é outra cousa -o Time out of mind de Dylan-, e que nen sequer é sempre o mesmo, depende do observador, depende da escala en que as partículas se movan. Até é probábel que Hawking habite a partir de agora fóra do tempo. Do tempo a cuxa investigación dedicou toda unha vida. Unha vida que mereceu a pena ser vivida, un fermoso legado para os sapiens que aquí ficamos.

Comentarios