Opinión

Grecia continúa a ser un país intervido

A vía reformista -e non rupturista- aberta por Syriza non pode levar máis que ao continuísmo dos chamados resgates.

A vía reformista -e non rupturista- aberta por Syriza non pode levar máis que ao continuísmo dos chamados resgates. E nesas estamos. Grecia continúa a ser un país intervido. Por moita retórica que empregue Varoufakis, e nel temos probabelmente o máis fino estilista dialéctico do teatro político europeu, a re-conquista da soberanía nacional continúa a ser unha materia pendente para o goberno de coligazón entre Syriza e os Gregos Independentes.

Se lemos detidamente o pacote de reformas ao que se compromete Atenas para obter o nihil obstat das "Institucións" -a innomeábel Troika faise chamar agora así- veremos que entre elas se achan os fundamentos da política interna dun país soberano, fundamentos que se submeten á "aprobación" de instancias políticas externas, Fondo Monetario Internacional incluído.

Mellor que o sistema o xestione Syriza a que o xestione Nova Democracia, de acordo, mais a saída non é esa. A saída é recusar o sistema

Os resgates son así: obtés financiamento en troca de ceder soberanía. Xa vimos a que conduciu esta lóxica na América Latina dos 80-90 do pasado século. Ou na Grecia deste último lustro (25% de contración do PIB, 25,9% de desemprego, desnutrición infantil...). Non hai resgates brandos ou duros. Hai resgates. Neste ao que se compromete Atenas, o grande capital transnacional que controla a UE ten motivos para brindar con champaña. As privatizacións continuarán o seu curso. O gasto público manterase en níveis máis menos como os de agora. Os contratos temporais entrarán a saco no mercado laboral. E, ollo!, modernizarase o sistema de pensións, ou sexa, o capital privado poderá facer negocio a custa do direito das persoas a teren unha vida digna após a súa xubilación.

En realidade, Syriza non ten moita marxe de manobra. E non a ten porque a súa vontade política é a que é. Non é posíbel manterse no euro e facer políticas soberanas, nen no monetario, nen no fiscal, nen non laboral. Se queres ter a mesma moeda que Wolfgang Schäuble, o ministro de Finanzas alemán, non tes opción distinta á de, como moito, adozar a dose de veneno que se che subministra.

Que negociará Atenas a finais de xuño? Outro resgate? E así até cando? Até cando continuará a ser unha comunidade autónoma do Reich?

Grecia gaña 4 meses, mais nen sequer ten garantías de que poderá facer fronte aos vencimentos de xullo e agosto (créditos contraídos por valor de máis de 7.000 millóns de euros). E despois? Que negociará a finais de xuño? Outro resgate? E así até cando? Até cando continuará a ser unha comunidade autónoma do Reich?

A vía reformista esgótase en si mesma e está condenada a se repetir como nun bucle sen fin. É un beco sen saída. Mellor que o sistema o xestione Syriza a que o xestione Nova Democracia, de acordo, mais a saída non é esa. A saída é recusar o sistema. A saída é pór o contador a cero. Nas condicións de Grecia, a saída é abandonar o euro.

Comentarios