Opinión

A grande coligazón encuberta

Hai unha operación en marcha con visos de se concretizar: a grande coligazón encuberta. Tería dous chanzos. O primeiro, un acordo Schez-Cs. O segundo, a abstención do PP na investidura. O PP pasaría á oposición e, agora que os gardas civís visitan con frecuencia as súas sedes para evitar que formateen os seus computadores, tería tempo para se rexenerar, ou talvez para desaparecer sen facer demasiado ruído.

Esa operación ten só dous problemas. Un maior e outro menor. O maior chámase Mariano Rajoy. Non parece polo labor de emular a Artur Mas e se facer a un lado. O menor é que a coligazón encuberta deixaría todo o flanco da oposición esquerda a Podemos e hai dirixentes do PSOE -da súa ala socialdemócrata- que entenden que isto sería demasiado agasallo para o combo de Pablo Iglesias.

O ecrá, a pantalla, da Sexta ten hoxe máis impacto político do que o hemiciclo da Carreira de San Jerónimo

Como as contrarevolucións tamén se televisan, tres destacados militantes do PP -Esperanza Aguirre, Josep Piqué e Eduardo Serra, os tres ex ministros- avalaron esta operación no programa de Évole. Reparemos na importancia do cenario: o ecrá, a pantalla, da Sexta ten hoxe máis impacto político do que o hemiciclo da Carreira de San Jerónimo. Eses tres vultos da direita española deron o seu apoio explícito a unha abstención do seu grupo político á investidura de Schez. O asunto sería pactar desde a oposición co novo goberno as liñas básicas da política económica (de acordo coa ortodoxia de Bruxelas) e, claro, os límites básicos da inevitábel reforma da Constitución. A oligarquía financeira e mediática española aplaudiría coas orellas.

Na lóxica desa grande coligazón encuberta (un executivo PSOE-Cs seria tanto como un executivo PSOE-PP bis) hai que inserir a demisión de Aguirre: unha auto-eliminación controlada (ela continúa na portavocía do grupo municipal de Madrid) que ten como obxectivo facer aínda máis exótica a resistencia de Rajoy a ceder a cadeira.

Comentarios