Opinión

Goodbye 1978

The End. Finito. Non dá máis de si. En realidade, 1978, o seu réxime, morreu o día en que o Tribunal Contitucional triturou un Estatut (de Autonomía!!, só de Autonomía!!) votado previamente polo pobo catalán. Nese momento saltou polos ares un entramado xurídico político que tiña como un dos seus esteos o pacto entre as elites españolas e unha significativa fracción da burguesía catalá representada por CiU en xeral e polo pujolismo, como forma de interpretar o nacionalismo pactista, en particular.

A partir dese momento, o Estado mostrou o seu verdadeiro rosto, a súa face de estrutura imperial que é materialmente -xeneticamente- incapaz de procesar a diversidade. España querse unha, única, monolítica. Non é quen de se perceber a si propia doutro xeito. E, destarte, todos os seus componentes políticos ecuacionan esa unicidade. O PP, ao bruto, a evolución natural do ideario filofranquista. O PSOE, con maior sofisticación, cunha fórmula, porén, vella, o oxímoron da nación de nacións, pura metafísica inviábel (en realidade, unha nación A que contén subnacións B, desprovistas de direitos plenos). E Podemos, en teoría a Nova Política, a erguer unha bandeira que no fundo conduce ao mesmo sitio que os demais unionistas: apoiamos os referendos só se son pactados (ou sexa, basta con que Madrid non queira pactar, para os referendos seren inviábeis).

Con esa composición sociopolítica, a sorte estaba botada. Catalunya só podía moverse nunha dirección. E Catalunya historicamente sempre se move. Este é, alén do máis, un movimento socio-político. Un movimento de masas. A causa da independencia é quen de pór un millón de persoas na rúa (habémolo ver a próxima segunda feira, na Diada). Non hai ningún fenómeno social neste momento equiparábel en todo o mundo desenvolvido. O motor é a conciencia nacional, unha conciencia que cando acorda e se espalla no conxunto dunha nación, acaba por ser imparábel. É unha cuestión de democracia e de dignidade elemental. Se te sabes nación te queres nación como a que máis, nen máis nen menos. E nunca foi posíbel nación sen soberanía.

O Estado vai reaxir cos instintos represores de toda a vida. España tal e como a coñecemos non é reformábel. Só se pode eventualmente pactar con ela (e xa veríamos) se a transacción se fai en pé de igualdade, de nación soberana a nación soberana. Iso é, en realidade, o que está en xogo. Non tanto o aparecimento da República catalá, como a afirmación dunha nación catalá soberana. Unha revolución nacional, si, unha revolución democrática.

O réxime de 78 xa non ten forma de relexitimarse. A Constitución virou letra morta o día en que PP e PSOE a puxeron ao servizo do Reich de Merkel. Do suposto aggiornamento español -o surximento no palco político de Podemos- tampouco cabe agardar grande cousa, non hai máis que ollar para a súa marca homóloga en Catalunya, pura impotencia reactiva, presa da invencíbel inercia xacobina.

Goodbye 1978. Welcome freedom for Catalunya.

Comentarios