Opinión

Golpe autocrático de Pablo Iglesias

Errejón gañoulle a batalla a Monedero, mais vai perdendo claramente a que o confronta con Pablo Iglesias. Mal asunto enfrentarse nun partido, en calquera partido, ao teu secretario xeral. Mais aquí o importante é vermos se na crise de Podemos hai trazas de nova política ou todo o que vemos é un remake da política xa non vella, senón neolítica.

Vexamos. Primeiro, as formas e o método. Máis que un cesamento, pareceu unha execución. De verdade outorgan os estatutos de Podemos faculdades tan sumarias ao secretario xeral como para destituír -aliás con nocturnidade e aleivosía- o seu secretario de Organización? Non só é o autoritarismo autocrático que desprende a liquidación de Sergio Pascual como número 3 do partido, é que, alén do máis, Iglesias afirma enfático que en Podemos non debe haber “correntes nen faccións que compitan polo control dos aparatos”. A frase ten a súa miga. Habería que traducila por: en Podemos só pode haber unha corrente, a oficial, a que controla o aparato, e esa corrente é unipersoal e chámase Pablo Iglesias Turrión. Curiosa forma de ecuacionar a democracia participativa.

E segundo, a transparencia, a rendición de contas. En que consiste realmente o conflito que se está a viver en Podemos? Que ó que separa a corrente de Errejón -corrente que corre o serio risco de ser proscrita- do núcleo central pablista? Ninguén nos di nada, ninguén explica nada. O comunicado oficial limítase a dicer que Pascual -dirixente moi próximo a Errejón- realizou unha xestión “deficiente” cuxas consecuencias “danaron gravemente” o partido. Mais non se nos di en que se concretizan nen as deficiencias nen as secuelas de tais imperfeccións no desenvolvimento do seu rol como secretario de Organización.

O que cabería agardar da nova política é esclarecimento, non politicaría confusionista. Cabería agardar que Errejón e Iglesias explicitasen cais son as súas diferenzas

O que cabería agardar da nova política é esclarecimento, non politicaría confusionista. Cabería agardar que Errejón e Iglesias explicitasen cais son as súas diferenzas. É evidente que teñen a ver coa táctica perante a investidura de Schez, mais probabelmente apontan tamén tensións estratéxicas, non apenas conxunturais. Basicamente: Errejón quer un partido para as maiorías, centrado, e con capacidade de gobernar; Iglesias pensa máis na hexemonía da esquerda e en ancorar Podemos como forza decisiva nas nacións sen Estado.

Ningún secretario xeral dunha forza radicalmente democrática pode actuar como o acaba de facer Iglesias co cesamento/execución de Sergio Pascual, o home que, por certo, decretou a disolución dos órgaos de dirección de Podemos Galiza.

Comentarios