Opinión

Gaña Rajoy

Gaña Rajoy sen sequera sentar na mesa a xogar a partida. As cartas estaban marcadas desde o 20D. Un hung parliament, cunha esquerda española dividida entre a socialdemocracia tradicional e a emerxente. Ese era o póker de ases na manga de Rajoy. Os movimentos de Schez, a xorda rebelión de Errejón, foron escaramuzas nun guión co-escrito por Génova e o buró de politólogos da Complutense. O PP quería novas eleccións para conseguir o 26X o que lle foi negado o 20D. O aparato de Podemos quería novas eleccións para conseguir o seu obxectivo político, que neste momento non é gobernar (quen quere gobernar cando Bruxelas pide un recorte masivo de 9.000 millóns de euros? Quen quer ser o novo Tsipras?), senón desprazar o PSOE como novo referente da socialdemocracia española.

Do ponto de vista da estratexia política e da consecución dos seus obxectivos, gañan Rajoy e Iglesias esta partida. Entre os dous acho que quen máis gaña é Rajoy. De sobreviver politicamente, cun partido sepultado pola corrupción, estabelecerá un récord que ficará para historia: como reter o poder cando a túa formación está a ser xulgada en Valéncia por ser pretensamente unha organización orquestrada para delinquir? É mais: a presumíbel vitoria do centro-direita o 26X ten pinta de abrir un longo ciclo de hexemonía conservadora no Estado. Abonda con ollar a evolución política da UE (emerxencia do neo-fascismo por toda a parte) para non ter moitas dúbidas ao respeito.

A división da esquerda española está garantida porque existe unha contradición insalvábel entre os seus dous componentes (ningún deles aceita subordinarse ao outro)

Que pode mudar o taboleiro o 26X? No sustancial, practicamente nada. A división da esquerda española está garantida porque existe unha contradición insalvábel entre os seus dous componentes (ningún deles aceita subordinarse ao outro). O previsíbel é que haxa un incremento da abstención no espazo do centro-esquerda, nomeadamente entre as e os eleitores que votan poder (para que votar PSOE ou Podemos se non se van pór de acordo para gobernar?). Esa desafección da freguesía progresista española beneficiará, claro, o PP. Este, mantendo grosso modo o seu voto do 20D, incrementará a súa cota de representación no Congreso. Cs fará o resto do traballo.

Que é o que lle interesa a En Marea?

E que dicermos da representación galega no Congreso durante estes meses? Que papel xogou nesta partida? Pouco ou ningún. Careceu de autonomía (contrastivamente coa iniciativa mostrada por Compromís) e en todo momento mostrou a súa dependencia a respeito da estratexia de Podemos. Que é o que lle interesa a En Marea? Que Podemos sexa segunda forza no Estado español ou non rachar as pontes cun PSOE sen o cal halles de ser imposíbel gobernar na Galiza?

Comentarios