Opinión

#GalizaisnotSpain

Na rede non hai calquer dúbida, Galiza is not Spain, é outra cousa. En termos kantianos diríamos que na rede a cousa en si chamada Galiza xa é unha cousa para si, unha realidade disposta a se afirmar e a se emancipar, a producir un cosmos de valores propios, non satelizados a respeito dese buraco negro que todo o absorbe chamado Madrid.

Mais como ensina infelizmente o veredito popular do 25S, a rede está moi lonxe de ser un termómetro indicativo da totalidade do corpo social galego. É aí, nas imensas chairas non virais, lonxe do acubillo do .Gal ou o .Com, onde está para ser librada a batalla fundamental. Aí imperan as divisións panzer que en tempos estiveron ao servizo do marechal Fraga e que agora combaten sob o comando de Núñez Feijóo.

A visión española da vida continúa a ser maioritaria na Galiza e este é un feito incontornábel

A visión española da vida continúa a ser maioritaria na Galiza e este é un feito incontornábel. Non só no planeta conservador -1 de cada 2 votantes se sumarmos Cs ao PP-, senón tamén en boa parte das bancadas progresistas -como mostra o feito de que Esquerda Unida e Podemos Galiza, dúas organizacións cuxo centro de decisión final está en Madrid, teñan 10 dos 14 deputados de En Marea. Diríamos que esa visión española ten a seu favor o sentido común maioritario, unha ideoloxía popular que é filla de séculos de dominación castellana, mais também da esmagadora presenza no noso territorio de meios de comunicación, de titularidade galega ou foránea, que vocean españolismo por todos os seus poros. Incluamos aquí tamén, como fonte emisora dese pensamento hexemónico, un sistema educativo que aínda oculta a existencia do Reino medieval da Galiza á imensa maioría do alumnado.

Gañar só é posíbel se o que hoxe é maioría na rede consegue selo tamén na vida analóxica, na vida sen wifi

O mariñeiro non ten direito a se queixar da dureza do mar. É o seu meio de vida. Correcto. Así que, unha vez que sabemos cais son as regras do xogo, xoguemos para gañar. E gañar só é posíbel se o que hoxe é maioría na rede consegue selo tamén na vida analóxica, na vida sen wifi. Xeitiño e paciencia. Non hai outra. Galiza is not Spain, certo, mais aínda non o sabe. Que paseniñamente o vaia descubrindo debe ser o obxectivo básico de todo o movimento soberanista galego, o día en que o imperialismo español comemora as súas fazañas xenocidas e o resto do ano, tamén.

Comentarios