Opinión

Si a Galiza

Galiza si que existe e ten quen terme dela. Pode parecer pouco, mais non o é.

Galiza si que existe e ten quen terme dela. Pode parecer pouco, mais non o é. Son milleiros de persoas, poderían ser máis, de acordo, porén non subestimemos a enerxía deses milleiros de persoas, a súa paixón, tamén a súa intelixencia.

A multitudinaria marcha do BNG é un Si a Galiza, un Si a que Galiza exista e a que Galiza sexa un suxeito político pleno, sen descansos, sen ficar nas bancadas mentres outros (a España facha, a España progre, Catalunya e Euskal Herria) xogan o partido.

Pór Galiza primeiro

Si a Galiza e si a Galiza agora, non para finais da próxima década. Agora, pondo Galiza primeiro, sen importar tanto se o chefe do Estado español é monárquico ou republicano (eu prefiro que sexa republicano, mais esa non é a miña batalla), sen importar tanto quen vai de socialdemócrata en España, se os de toda a vida ou os emerxentes.

O capitalismo está en crise e nós, que non somos alleos ao capitalismo, embora queiramos construír a súa antítese, tamén o estamos (todo está en cuestión nas crises, até a crise propria). Hai, portanto, confusión e atrapallamento. Mais se hai algo claro é que o Sistema arela que o Nacionalismo Galego faga mutis polo foro, arela que Galiza como nación non compareza no escenario, arela que Galiza non se sume á melee con Catalunya e Euskal Herria.

O Sistema non quer ouvir Si a Galiza. Hoxe tivo un mal día o Sistema.

Comentarios