xoves 05/08/21

Un galego colonizado, un presidente faltón

Se vivísemos nun país normal Feijóo estaría xa mesmo chamando á Moncloa. 

Se vivísemos nun país normal Feijóo estaría xa mesmo chamando á Moncloa. Quero falar co presidente, diríalle seco ao secretario do presidente. Of course, don Alberto agora lle paso. Dime Alberto. Oes, Mariano, isto...Dime Alberto. Que me di a xente de imprensa que non te acabas de familiarizar coa toponimia galega...Home, ti tamén, non me sexas repunantiño.

Mas esa chamada [muito menos nengunha outra nun rexisto máis digno ou solemne] nunca se vai producir. Mariano Rajoy pode estar tranquilo. Tampouco os mainstream media galegos lle afearán de máis a conduta. Como moito, algunha brincadeira. Pouca cousa. Mariano sabe que territorio pisa. Non só ten perfeitamente claras as estatísticas de Benzema na Liga BBVA, tamén sabe que cousas lle poden saír cuase debalde en política e cales non.

Destarte, esta terza feira, 24 de febreio, na tribuna do Congreso, Mariano vai e con naturalidade ceiba "Carballino" e "Orense", como quen pide que se lle pase o sal na mesa. É evidente que nas horas seguintes ningún membro do seu grupo parlamentar -refírome ás e aos deputados eleitos na Galiza- lle fai a máis mínima observación. Presidente, quizá deberías ter algo máis de tino cando pronuncies os nomes galegos... Tampouco o conselleiro de Cultura galego arquea a cella, nen moito menos moverá ningún dedo político. Feijóo, por suposto, nen se inmuta. A fontanaría de Monte Pío, tranquila. Se non investimos nen un segundo en explicarlle a Alberto que en galego se di CRISE e non CRISI porque o imos molestar coa leria da toponimia?

"Se non investimos nen un segundo en explicarlle a Alberto que en galego se di CRISE e non CRISI porque o imos molestar coa leria da toponimia?"

Cuarta feira, toca o debate co BNG, desta volta Rajoy ten que finxir que se sabe o dossier galego. Non lle pon moita paixón ao asunto, Rajoy non lla pon a case nada, niso é un pouco como Ancelotti, o treinador italiano do Real Madrid, sempre distante do xogo. O pasotismo de Ancelotti transparenta que el non toma as decisións relevantes [para iso xa está Florentino, Bale ten que xogar si ou si], así que tampouco se vai estresar máis da conta. Rajoy tampouco toma as decisións relevantes, para iso xa está Merkel, a el chégalle con tentar sobrevivir no meio dos tiburóns que o circundan, queiras que non o posto de delegado do Reich en Madrid continúa a ser moi cobizado. Rajoy recebe un feixe de folios. A ver, non sei moi ben de que vai a historia da A-8, le atrapalladamente. E isto de Pémex exactamente como é? Anyway, lárgolles o de que se van facer os floteis, a Feijóo non lle foi mal co asunto. 

Patético

Minutos antes de Rajoy se subir á tribuna para polemizar con Olaia Fernández Davila, a facción progre do Partido Tertuliano -crecentemente adicta a Podemos, mais aínda sentimentalmente atada ao PSOE- non daba crédito á súpeta transmutación do presidente do Goberno nun killer do parlamentarismo, no combate a Pedro Sánchez. Con efeito, a terza feira, no puxilato bipartidista, Rajoy chamara "patético" o secretario xeral do PSOE, nun ton inusualmente faltón e agresivo. O ataque foi, en todo caso, un ataque político a unha forza rival e a unha persoa en concreto, tal vez o dono da hipotética chave que abrirá ou fechará a porta do próximo goberno. Arriola, o director de escena do PP, o sociólogo que destripa as enquisas en Génova, teno claro. Nada, Mariano, que digan o que queiran, estares faltón algunha vez non nos vén mal, fai parte do xogo, ao noso eleitorado tamén lle mola que o presidente dea un golpe de autoridade, como é esta xente do PSOE, é que non aturan unha.  

Hai falta de respeito a todo un país. Hai expresión dunha vontade imperial. Hai desprezo profundo, de raíz aznariana

Mais cando Rajoy, xa na interlocución coa portavoz do BNG, volta a lixar a toponimía lexítima da Galiza ao proferir un aberrante "Lorenzana" no canto do xenuíno Lourenzá, xa non é que se produza un episodio máis de esgrima parlamentar. Hai algo máis. Hai falta de respeito a todo un país. Hai expresión dunha vontade imperial. Hai desprezo profundo, de raíz aznariana. E hai, claro, no seu caso, auto-odio, que é o rasgo característico de toda persoa colonizada. Sei que na prosa posmoderna e cool e hipster hai palabras das que seica hai que fuxir para non ser predecíbel, etc, mais non se me ocorre outra. Colonizado. Iso é empiricamente o que é Rajoy. Un galego colonizado que en Madrid adopta o comportamento que secularmente as elites españolas agardaron e alentaron dos cadros dirixentes vindos do noso país. Póupolles a tortura de facer aquí relación de todos eles.

-Ti non te preocupes, presidente, o dos topónimos vancho criticar os nacionalistas e pouco máis, a xente normal pasa de todo.

-Dime, Alberto, perdoa, non te estaba atendendo -dille Mariano ao outro lado do fío, a táblet no colo enganchada a Gol TV.

Non é tan así, mister Arriola. As cousas cambian. E tanta fachenda españolista acabará pasándovos factura.

Este artigo fai parte do número 135 de Sermos Galiza, publicado a quinta feira 26 de febreiro e disponíbel nos quiosques do país e na nosa loxa.

comentarios