Opinión

Felipe VI: "Somos unha gran nación"

O novo Borbón ao mando anuncia unha "monarquía renovada para un tempo novo". Mais monarquía renovada é un oxímoron, unha contradición nos seus proprios termos.

O novo Borbón ao mando anuncia unha "monarquía renovada para un tempo novo". Mas monarquía renovada é un oxímoron, unha contradición nos seus proprios termos. A monarquía é un residuo feudal. E o feudalismo -Castelao falaba da España semi-feudal- non é modernizábel: co feudalismo hai que rachar de vez. Como? Non hai que saír da península para o sabermos. Lembremos Grándola Vila Morena. Lembremos a Revolução dos Cravos.

Reparemos nos primeiros catro parágrafos do discurso de Felipe VI. Neles utiliza tres veces a palabra nación e unha, o sintagma "soberanía nacional", escuso dicer que se refere á española. "Somos unha gran nación", di o sucesor de Juan Carlos I. Esa declaración programática é o esteo que soergue o réxime de 1978, que se quer auto-reproducir sobre a base da moderna parella Felipe VI-Letizia. Unha afirmación -"Somos unha gran nación"- agacha unha negación implícita -"nen Galiza nen Euskal Herria nen Catalunya son nacións". No discurso hai despois a fraseoloxía constitucional dos "pobos" para se referir ás nacións sen Estado e alusións bempensantes a linguas e culturas distintas do español, nesa concepción españolista de ver os pobos distintos do castellano dun ponto de vista exclusivamente antropolóxico e culturalista, mas non político.

A monarquía é accidental

O conflito entre as nacións sen Estado e a monarquía como símbolo do réxime do 78 é inevitábel, porén non é a cuestión de fondo. A monarquía é accidental. O réxime prescindirá dela se ve que non lle é funcional, e hoxe ten menos consenso do que en 1978, ao colocarse CiU e IU, agora si, no rupturismo. A dialéctica real é entre as nacións sen Estado e o Estado, unha super-estrutura política que se alicerza sobre un dogma básico: só hai un soberano, o pobo español.

O españolismo, portanto, non ofereceu grandes novidades através do discurso de Felipe VI. Non as ofereceu, porque non as pode oferecer

Felipe VI foi de militar á súa coroación. Non é casual: a forza das armas ten moito a ver coa conformación histórica do Estado español, de todos os estados, realmente. A Constitución de 1978 mandata o Exército (artigo 8) a ser garante da integridade territorial do Estado. A coroa debe ser, dixo o novo Borbón, símbolo da unidade e permanencia de España.

O españolismo, portanto, non ofereceu grandes novidades através do discurso de Felipe VI. Non as ofereceu, porque non as pode oferecer. O españolismo esgótase en si mesmo. É irreformábel. Non hai terceiras vías. Ou a soberanía pertence a unha entelequia chamada pobo español ou a soberanía pertence ás nacións realmente existentes, incluída aquela que se corresponde co que na idade media, o tempo en que agromou a feudal monarquía, se coñecía como Castela.

Comentarios