Opinión

Feijóo non está

Feijóo non está. Galiza non ten goberno.

Feijóo non está. Galiza non ten goberno. Hai unhas persoas que ocupan unhas cadeiras e moitos minutos nos telexornais, mais non hai un Executivo que teña un proxecto xa non digo de país, nen sequer de rexión. O nada está en San Caetano. O nada que agardaba facer carreira política en Madrid e nen iso consegue.

"Feijóo non está, mais o que si están son 5.000 tractores nas rúas de Compostela"

Desde 2009, Feijóo só apareceu realmente en dous asuntos. O das caixas galegas e o dos floteis. Dous fracasos sonoros. Feijóo apareceu tamén nalgunhas fotos comprometedoras, con amizades pouco recomendábeis. Feijóo estaba aí, mais a imprensa amiga xa se preocupou de facelo desaparecer daí, non esquezades que a nai de todos os males non está en San Caetano, está na Praça de San Jaume, o malo do filme é Artur Mas, Feijóo só pasaba por aquí.

Feijóo non está, mais o que si están son 5.000 tractores nas rúas de Compostela. O que si está é a realidade agardando por solucións. Feijóo non as ten, nen se preocupa por logralas. A culpa sempre a teñen os demais (agora, demagogo, arrebola o dardo a Bruxelas mentres non bota mao das súas competencias, exiguas, mais non inexistentes). Non temos goberno galego. Hai que resolver iso canto antes. Como non avanzará as eleccións (para que, se non está?), haberá que resolvelo en 2016.

Comentarios