Opinión

Por que Feijóo non antecipa as eleccións?

Feijóo non antecipa as eleccións pola mesma razón que as anteciparía se lle interesase: por un puro cálculo político-demoscópico. Os estrategas de Monte Pío achan que o 26X esgazará aínda máis o espazo da esquerda estatal, co confronto entre Podemos e o PSOE. A tradución a isto na Galiza será imediata, sendo que, polo visto no Congreso, En Marea carece de estratexia distinta á de Podemos no que ten a ver coa súa relación co PSdeG-PSOE. Unha ruptura en España entre PSOE e Podemos após a próxima convocatoria eleitoral poría millentos atrancos no horizonte de calquer acordo entre as súas sucursais na Galiza, un verdadeiro salvoconduto para Feijóo reter a chave do seu despacho.

No caso do sorpasso que anuncian os heraldos demoscópicos, Sánchez caerá e o PSOE ficará sob o control de Susana Díaz, que verosimilmente vetará calquer acordo con Iglesias co argumento previsíbel de que é populismo chavista, etc. Veremos entón unha grosse koalition na sombra: se é preciso, o PSOE deixará gobernar o PP. Con ese taboleiro Feijóo nen sequer precisará dos votos de Cs para continuar catro anos máis xerindo o orzamento da Xunta.

Con ese taboleiro Feijóo nen sequer precisará dos votos de Cs para continuar catro anos máis xerindo o orzamento da Xunta

Feijóo non fai máis que aplicar a táctica rajoyana de deixar pasar o tempo: as contradicións no seo da esquerda de dirección madrileña xa se ocuparán do resto.

Hai indicios de que a esquerda galega englobada sob a marca de En Marea poda afastarse da estratexia de Podemos e pensar en chave de aquí e non de Madrid? Realmente ningún. Mais unha razón para Feijóo estar tranquilo.

Comentarios