Opinión

Feijóo, militante de si proprio

A moi capaz factoría de ideas do complexo feijoniano produciu unha nova xema para a sesión de investidura, un eslogan deses que veñen para ficar, a autodefinición do por vez terceira vez presidente do país como "militante da Galiza", unha sorte de elevación patriótica do líder do PP por cima dos partidos, esas institucións desgastadas e vellas, o mantra do "Galiza, Galiza, Galiza" co que o campión conservador fixo campaña devén agora nunha nova formulación, aínda máis eficaz, que emparenta o político coa colectividade humana e co territorio, verdadeiramente emocionante.

O problema é que é só un eslogan. Bonito, funcional, mais eslogan. Propaganda. Eficaz para vender a mercadoría chamada voto (todo no capitalismo está en venda), mais propaganda. Feijóo non é militante da Galiza. Nen sequer é militante do PP, non esquezamos as súas lendarias declaracións sobre que non era afiliado do partido no momento en que Fraga nomeou secretario de Organización Pablo Crespo, lugaternente de Correa na Gürtel. Non, en realidade Feijóo -un artista do escapismo- é só militante de si proprio, da súa causa. E non lle van as mal cousas, francamente.

En realidade Feijóo -un artista do escapismo- é só militante de si proprio, da súa causa

Este home que tanto se sacrifica por Galiza, tanto que até renunciou á súa promesa de estar só dous mandatos en Monte Pío, continúa a gavear pola escaleira co ollo posto na Moncloa. É un militante da Galiza ao que lle encantaría dicer que é un militante de España e para iso traballa. Nada que obxectar (a ambición na vida non é per se unha má cousa) se a súa folla de servizos fose máis ou menos positiva. Niso, na avaliación do seu balanzo, é onde a oposición ten de pór o acento e non tanto na vocación carreirista de Feijóo: é natural que, como político instalado na españolidade que é, aspire a xogar na que el considera unha liga maior. Lembremos que Iago Aspas foi seducido no seu día polo Liverpool (aínda que non callou) e que Lucas Pérez anda tamén agora tentando trotar sobre as pradeiras da Premier nas filas do Arsenal (aínda que polo de agora sen moito suceso).

O que nos debe preocupar non é tanto a ascensión ou non de Feijóo aos ceos matritenses, senón o que fai mentres neste tránsito galego. E a verdade é que nese sentido a sesión de investidura foi decepcionante. Arrancou cunha suxerente xiradela de guión. Na terza feira Feijóo decretaba a fin fáctica dos recortes e anunciaba orzamentos expansivos a partir de agora, cun incremento do teito de gasto de 250 millóns de euros. Mágoa que na sesión desta quinta feira o líder conservador non fora capaz de explicar de onde vai tirar os recursos para financiar a súa conversión keynesiana. Non se pode ser tan elusivo nun debate. Hai que ir á Cámara e dicer: vou facer isto e vouno pagar así. Non o fixo Feijóo. Perdeuse en abstractas referencias ao financiamento autonómico, máis na liña de denunciar supostos privilexios de outros do que de explicitar as necesidades nosas, e tampouco foi máis claro cando se referiu ao uso da débeda pública. Fixo, claro, os cánticos de rigor á hipótese da baixa dos impostos. Entón? Entón o probábel é que o expansionismo orzamental non se vaia contrastar na práctica, ou só moi levemente, e que portanto os recortes -a perda de direitos- non vaian ser revertidos.

É un militante da Galiza ao que lle encantaría dicer que é un militante de España e para iso traballa

O outro grande asunto do debate foi a cuestión nacional. Aquí Feijóo botou man do seu escudeiro Puy, sen dúbida un dos parlamentares máis brillantes da Cámara, un político dunha formación moi por cima da media do seu partido. Puy até se mergullou na historia das Irmandades da Fala -para reivindicar o seu alento patriótico por cima das liortas direita-esquerda- e proclamou que o actual Estatuto é superior ao do 36 por denominar Galiza como nacionalidade histórica. O portavoz parlamentar, moi cómodo no diálogo con Leiceaga, abriuse á hipótese de negociar transferencias como a da inspección de traballo e a da policía, e esforzouse en se apresentar como un político con vocación autonomista. Mais Feijóo, nun calculado reparto de papeis, mandou parar e a respeito do autogoberno deixou ver que non ten a menor vontade de promover reforma nengunha do actual marco político. Aí apoiuse en Leiceaga, en quen ve un caxato para descargar peso, gañar respeitabilidade pactista e dividir unha oposición que continúa estancada nos 34 parlamentares embora Galiza ter atravesado nestes últimos anos unha crise social, económica e demográfica de enorme profundidade.

Feijóo non quer máis poderes políticos para Galiza porque o poder político que quer está en Madrid. Voltamos ao principio neste bucle interminábel. O poder político para Galiza non o trará nengún político ou nengunha forza política que orbite arredor do Estado. Feijóo, militante de si proprio, ten 55 anos e agarda que a súa quenda chegue antes de facer os 60. É o único presidente do PP con maioría absoluta. É un político moi solvente, especialmente dotado para a esgrima parlamentar, un killer na terminoloxía de Antón Losada. Só ten un problema. Mariano. Non é seguro que Mariano se vaia cansar tan axiña do poder. Rajoy é outro militante de si proprio.

Comentarios