Opinión

Feijóo, doente por ir a Madrid

A ministra de Fomento afirma, con argumentacións legais vaporosas, que o Goberno español non pode encarregar un novo informe técnico sobre a traxedia de Angrois -após ser duramente amoestado por Bruxelas- e o presidente da Xunta se limita a transmitir esa información e a dala por boa. Feijóo mostra así o que é: un mordomo de Madrid. Utiliza a petición da transferencia da AP9 como unha cortina de fume para disfrazar o seu papel de delegado do Estado español na Galiza. Non só aceita acriticamente o argumento insustentábel da ministra (desde cando un goberno non pode encarregar un estudo técnico cando existen serias dúbidas sobre a manipulación dun informe anterior?), senón que teima na súa tese de que non se poden exixir responsabilidades nen a Pastor nen a Blanco -isto é, nen a PP nen ao PSOE- polo sinistro de Angrois.

As responsabilidades políticas do PP e do PSOE son evidentes na traxedia. Non velas convértete en cómplice. No que ten a ver con Angrois o papel de Feijóo é xustamente ese, colaborador necesario no agochamento das gravísimas culpas do bipartidismo estatal. Os dados son irrebatibelmente estes: o PP (Álvarez Cascos) mantivo un trazado de principios de século para a entrada da alta velocidade en Santiago, o PSOE (José Blanco) resolveu non instalar no acceso a Compostela o ERTMS que tería evitado a traxedia e outravolta o Goberno do PP (Ana Pastor), segundo acaba de demonstrar Bruxelas, impediu que a investigación técnica sobre o sinistro fose autenticamente independente.

No que ten a ver con Angrois o papel de Feijóo é xustamente ese, colaborador necesario no agochamento das gravísimas culpas do bipartidismo estatal

De que nos serve ter un presidente así? Absolutamente de nada. Feijóo é prescindíbel. E o primeiro en o saber é el propio. Feijóo leva anos querendo abandonar a cena política galega. Forzárono a apresentarse por terceira vez os mesmos que o empoleiraron e que o utilizaron para acabar con Xosé Cuíña, a longa sombra de Monseñor Romay Beccaría. Acabou aceitando, mas sempre co ollo posto en Madrid. Agora volta a concebir esperanzas, non de que o PP deixe caír a peza de Rajoy no taboleiro (como facelo despois de aumentar escanos?), senón de ser nomeado ministro dentro duns meses e apresentar así a súa candidatura a presidenciábel na eventualidade, aliás, de que vaiamos a unha lexislatura curta e nese cenario Mariano optase por borrarse da carreira.

A Feijóo forzárono a apresentarse os mesmos que o empoleiraron e que o utilizaron para acabar con Xosé Cuíña, a longa sombra de Romay Beccaría e o Opus Dei

Feijóo non fai máis que acompañar os pasos de Rajoy: ser un fiel fámulo de Madrid para gavear pola escada que leva a ser un servidor dese Estado español que na Galiza non quer asumir as súas evidentes responsabilidades pola maior catástrofe terrestre rexistada na nosa nación na historia moderna.

Comentarios