Opinión

E como fas política se non te convidan ás televisións?

Fun ver Política, Manual de Instrucciones de Aranoa, o filme documentario sobre Podemos. Duas horas filmadas con pericia, unha metraxe acho que excesiva e moito Errejón e moito Iglesias en primeiro plano como bustos parlantes. Algún momento memorábel. Para alguén que se dedica á comunicación política, un filme naturalmente imprescindíbel.

Pasa de bicos nos pés sobre algunhas cuestións, porque o filme ten o seu aquel confesional, mais non elude apresentar os conflitos internos que abalaron a formación desde a súa propia xénese en Vista Alegre, e nese sentido é especialmente significativo o testemuño de Monedero e a súa metáfora do carnet por pontos: se deixas o coche no garaxe, non perdes o carnet porque non che poñen multas mais non vas a ningures. Así ve el o actual Podemos, obsesionado por non perder pontos (por gañar eleitores, en realidade, abeirando cuestións polémicas como a defensa da República ou o cuestionamento do euro), e abocado a ir a ningures, isto é, a ficar onde estamos. “Acabaremos sendo vistos como uns reformistas de merda”, algo así di premonitorio Iglesias durante o filme. En varios momentos reflicten que, de gobernaren, terán unha marxe de manobra muito reducida, sendo que o Estado español está onde está, no sul da UE.

Ben, mais o que máis me fixo removerme da butaca foi cando Iglesias veu dicer que a política hoxe xa non se fai nos Parlamentos, senón nos platós de televisión. Frase ben traída cando nos dispomos a viver esta noite o que se apresenta orbi et orbe como o único debate da campaña, o que van protagonizar as catro forzas políticas estatais que concorren ás eleccións (cada día hai menos pluralismo, o 20D había cinco, lembran?, a época en que IU eran rosmóns e non tiñan un proxecto gañador).

O que máis me fixo removerme da butaca foi cando Iglesias veu dicer que a política hoxe xa non se fai nos Parlamentos, senón nos platós de televisión

Así ven a política Iglesias e Errejón. Platós televisivos e gañar. Preparar un líder carismático con capacidade para ridiculizar Eduardo Inda e Francisco Marhuenda. Quen quere organización, quen quere militancia, quen quere aborrecíbeis mitins, para que prepararmos programas, se xa temos un tipo capaz de cantar a capela con Pablo Motos?

O problema é que esta concepción de Iglesias e Errejón é a dominante nas democracias occidentais e chega á súa forma máis acabada nos EUA. Aí a campaña é a televisión e nada máis. Reducida á mínima expresión. Clinton ou Trump. Diredes que aquí é Rajoy ou Sánchez ou Iglesias ou Rivera. Mais non sexamos inxenuos, estamos a viver unha transición entre o vello bipartidismo e o novo bipartidismo. PP e Podemos niso traballan na mesma dirección. Iglesias deíxao ver con clareza no documentario de Aranoa: hai que crear a impresión de que isto vai entre Rajoy e nós.

E que fas se non te convidan aos platós de televisión? Se os donos dos xoguetes catódicos non están interesados en que existas? Esa é a pergunta que teñen de contestar os soberanistas galegos, vascos e cataláns. Que pasa se non te levan (Ana Pontón) ou que pasa se só te levan unha vez (Otegi) para te submeter a un interrogatorio sobre ETA? Está claro que a democracia española ten limites e eses limites pasan polo veto ás forzas autodeterministas. Diredes que no debate desta noite estará unha forza que respeita o dereito a decidir. Si, mais esa forza declárase como patriota española e afírmase como a maior garante da unidade do Estado. Son tan autodeterministas como o é David Cameron, o intelixente político ingles que tolerou o referendo escocés. Até aí chega a democracia e o pluralismo en España: até apresentar como radicais -Podemos- a unha forza que naceu, entre outras cousas, para frear o avanzo do independentismo en Catalunya.

Se non te convidan aos platós de televisión tes que facer outra política distinta ás das forzas sistémicas e por forzas sistémicas entendo aquelas que están un día si e outro tamén ocupando minutos no prime time e dándolle de comer aos herdeiros de Lara, o empresario da direita españolista que tivo no seu momento a brillante ideia de fusionar Antena 3 con La Sexta para alimentar espiritualmente á vez a fachas e progres.

Comentarios