Opinión

A Europa real e que facermos nós

A Europa real, non a que vive no idealismo de sectores naif da esquerda formal, é isto: o buque insignia das políticas neoliberais -até Obama é keynesiano por contraste- e a aplicación de políticas racistas e xenófobas. Ainda vin este día Lawrence de Arabia. Aí está case todo. A Europa colonizadora e imperialista. Daqueles pós estas lamas. Esa Arabia británica, esa Siria francesa. Ese espolio permanente. Levan as clases dominantes europeas máis dunha centuria cun proxecto de dominación de Oriente próximo. O noso modo de vida -Oil Way of Life- non se pode concebir sen a presenza de tropas -o amigo americano- sobre o terreno.

A consecuencia de guerras inducidas por Washington-París-Londres, hai agora millóns de seres humanos desprazados dos seus fogares. A Europa que se di da Ilustración, a Europa que, aliás, produciu Hitler, Mussolini e Petain, viola agora os seus dereitos fundamentais, entre eles o dereito ao asilo. Viola a legalidade internacional e comete crimes que son crimes de guerra.

A Europa real é isto e a esquerda real -no noso caso, a esquerda soberanista galega- debe pór este asunto no primeiro ponto da orde das prioridades

A Europa real é isto e a esquerda real -no noso caso, a esquerda soberanista galega- debe pór este asunto no primeiro ponto da orde das prioridades. 5 millóns de persoas refuxiadas aí acarón de nós non é un asunto de política internacional. É un asunto que nos interpela directamente. Desde Sermos modestamente estámoslle emprestando toda a atención que podemos. Estamos nesa liña e continuaremos nela. Fai falta unha forte reacción social. A que está habendo é tristemente insuficiente. Fágamonos conscientes diso porque do contrario a Europa que hai acabará sendo a única Europa que haberá.

Comentarios