Opinión

Eu non me sinto atacado por Pablo Iglesias

Eu son xornalista e non, non me sinto atacado por Pablo Iglesias. Creo que un político ten tanto direito a criticar a un xornalista como ás avesas. Non hai profisión intocábel. Tampouco os venerábeis xuíces (nunca entendín ben o costume das elites de enfatizar o respeito á xustiza, etc). E teño claro que un pode criticar a un xornalista sen por iso pór en cuestión a liberdade de expresión (é máis ben o contrario, a liberdade de expresión é o que che permite pór a feder a un xornalista). En definitiva, se Pablo Iglesias cuestiona o traballo dun xornalista de El Mundo está a facer exactamente iso, está a formular unha crítica a unha persoa concreta e a un traballo concreto, non vexo nos seus dicterios unha causa xeral contra a profisión no seu conxunto, eu non me sinto interpelado.

Dito isto, e despois de deixar claro que o corporativismo no meu gremio é algo que me interesa cero, si que me parece cínico que sexa precisamente Pablo Iglesias quen, desde o mundo da política, lance un ataque a determinados meios de comunicación (porque no fundo é iso o que fai, emboscado nun dardo a un dado xornalista). Non digo isto porque Pablo Iglesias non teña direito a atacar a quen queira, senón porque obxectivamente non hai dirixente político nen formación política máis potenciado e alimentada polos meios de comunicación de masas nas últimas décadas no Estado español do que o profesor de Políticas da Complutense e a súa organización, Podemos. Quen sería Pablo Iglesias sen o prime time de La Sexta? Pois pouco máis ou menos que nada. Diredes que Iglesias ten sido duramente atacado pola caverna. Certo. Mais iso non dana Iglesias perante o seu eleitorado: en troca, afortálao, dálle estatura de mártir. Os ataques de El Mundo non debilitan Podemos, engórdano.

O pior en política é que non te teñan en consideración

O pior en política é que non te teñan en consideración. No Estado español, nos últimos dous anos, desde o aparecimento de Podemos, os que si poden dicer que non receberon o favor dos meios españois son os líderes das forzas soberanistas. Os grandes meios de masas (basicamente o duopolio televisivo A3-La Sexta e Cuatro-Tele5, mais non só) téñense aplicado dilixentemente á tarefa de construción dun cenario habilitado só para a presenza de 4 actores: PP, PSOE, Podemos e Cs. Un bon negocio para Iglesias e a súa estratexia de engruñar o espazo nas nacións sen Estado dos soberanistas de esquerda.

En fin, eu non me sinto atacado por Pablo Iglesias, mais non me trago o seu exercicio actoral de político acosado. Atacado por El Mundo?? Coitadiño.

Comentarios