Opinión

A estratexia de Beiras

Escoitei a entrevista de Beiras con Aida Pena nas ondas galegas da SER e pareceume extraordinariamente irritado, até zangado

Escoitei a entrevista de Beiras con Aida Pena nas ondas galegas da SER e pareceume extraordinariamente irritado, até zangado, nun ton desabrido e un tanto estraño tendo en conta o grande suceso eleitoral da operación política que el apadriñou o 20D. O groso da entrevista foi un dicterio contra o BNG, emboscado de ataque a parte da súa dirección. Curiosamente todo adubiado cunha chamada á unidade.

Beiras é un político experimentado e, contrariamente ao seu mito, nada do que fai responde a arroutadas ou descontrois. El foi á entrevista cun obxectivo claro e atívose a ese propósito sen se afastar del nen un milímetro.

A estratexia de Beiras a respeito do BNG -basicamente engolir o seu espazo- é xémea da de Pablo Iglesias a respeito do PSOE. O profesor da Complutense teno máis doado, iso si, porque é fácil detectar a existencia de conflito entre o aparato do PSOE andaluz e Pedro Sánchez. No caso do BNG, ese conflito ou liorta semellante non existe por ningures, así que Beiras ten que fabular un chisco. Non é que fose nada imaxinativo, empregou a táctica historicamente utilizada polo Sistema contra o BNG: a de identificar un demo -a UPG, of course: comunista e nacionalista á vez, vade retro!- e, contraposto a este, un exército de militantes avesamente secuestrados por aquel. Esa argumentación é propia de columnistas como Carlos Luis Rodríguez ou Roberto Blanco Valdés. Beiras apúntase a ela sen ningún tipo de escrúpulos e sen importarlle que unha análise minimamente crítica da súa propia biografía desminta o mito: durante o longo período de tempo en que foi portavoz nacional do BNG, era o demo menos demo?

Beiras debería asumir que na Galiza existe un sector do povo que quer un proxecto nacionalista autónomo e non subordinado a Madrid, que non quer un apéndice do que el propio ten alcuñado como Espacio Podemos

A militancia do Bloque participou con grande entusiasmo nas primarias de Nós Candidatura Galega, as únicas dignas de tal nome que se realizaron antes do 20D. Foron 6.000 persoas as que tomaron parte na escolla das candidaturas, non tres partidos -Anova, EU e Podemos- os que as cociñaron, como aconteceu na Marea. Esas 6.000 persoas -donas de si propias- querían unha oferta nidiamente galega e nacionalista o 20D, non unha proposta política participada por partidos de obediencia española. Querían un grupo parlamentario galego obtido por dereito propio e non unha hipotética concesión a pactar co PSOE na Mesa do Congreso dos Deputados. En definitiva, a militancia do BNG non é refén de ninguén, máis que de si propia, e en todo caso a súa lealdade é con Galiza, nada debedora dos despachos da Complutense ou dos platós de La Sexta.

Beiras debería asumir que na Galiza existe un sector do povo que quer un proxecto nacionalista autónomo e non subordinado a Madrid, que non quer un apéndice do que el propio ten alcuñado como Espacio Podemos. É lexítimo que Anova aposte na confluencia con sectores da esquerda estatal e que lle outorgue a esa aposta condición estratéxica, mais non o é menos que miles de militantes políticos deste país queiran que Galiza -como Catalunya e Euskal Herria- teña un referente soberanista autónomo que vise como obxectivo non o respeito ao dereito de autodeterminación como declaración retórica, senón o seu exercicio pleno, práctico e material.

A unidade está ben, mais a unidade non pode formularse sobre a base da negación dun espazo político propio para aquel país que, entre as nacións sen estado, máis necesitan del, o noso. Xs soberanistxs galegxs temos direito a ter unha opción política e eleitoral inequivoca e desacomplexadamente nacionalista, autodeterminista, como teñen bascos e cataláns. Beiras debería entender isto. Non outra cousa defendeu durante moito tempo, embora agora custe infindo traballo recoñecer neste Beiras a aquel Beiras.

Comentarios