Opinión

Están tolos estes islandeses?

Lestes a noticia?? Islandia retira a súa solicitude de adhesión á Unión Europea.

Lestes a noticia?? Islandia retira a súa solicitude de adhesión á Unión Europea. Non están interesados en entrar nas condicións que se lles oferece. Considéranas lesivas para os seus intereses nacionais. Ante esta decisión de Reikiavik, os bempensantes europeístas non entenden nada e non dan reprimido un raciocinio tan previsíbel como paternalista: boh, que parvos, que pouco modernos, son estes tipos!! Fagamos nós unha chiscadela aos irredutíbeis galos e perguntémonos se están tolos ou están ben cordos estes islandeses.

Pescudándomos nas razóns que levan a estes simpáticos descendentes dos vikingos a diceren "así, non", amigas e amigos de Bruxelas", con que nos atopamos?? Pois con que Islandia opina que de entrar na UE sofrirían enormemente dous dos seus sectores estratéxicos. Nen máis nen menos que a pesca e a agricultura, puro sector primario, sen o cal non é posíbel ter unha economía realmente sá. A que nos soa esta historia a nós, galegas e galegos?? Para Islandia, a salvagarda dos seus mariñeiros e labregas/es é razón de peso para pór en cuarentena o ingreso na UE.

 Para Islandia, a salvagarda dos seus mariñeiros e labregas/es é razón de peso para pór en cuarentena o ingreso na UE

Quizá lembredes que certo goberno ucraíno tampouco tiña moito interese en asinar coa UE un dado tratado de comercio, por o reputar tamén lesivo para o seu país. Ese goberno ucraíno, tan pouco moderno como o executivo islandés a ollos dos nosos bempensantes europeístas, acabou pagando o pato en forma de golpe de Estado. É o que che ten non ser moderno, nen guay nen cool.

En 2009 Islanda protagonizou unha gloriosa rebelión popular e negouse a resgatar bancos privados responsábeis do estourido da burbulla financeira. O que fixo foi nacionalizar eses bancos e encarcerar os culpábeis da desfeita, até procesou a un seu primeiro ministro. A seguir declarou a súa vontade de non socializar as débedas contraídas polas súas oligarquías financeiras (mentres aquí o Estado español enterraba 9.000 millóns de euros públicos nas antigas caixas galegas para logo as privatizar a prezo de saldo). Bon, pois esa mesma Islandia que nacionalizou parte do sistema financeiro e se insurxiu contra o capital internacional (os seus credores eran basicamente alemáns e británicos) é quen agora non está disposta a desfacer o seu sector primario.

Nós, o pobo galego, non puidemos negociar nada por nós próprios cando o Estado español pactou a súa entrada na daquela CEE.

Ben, o pobo islandés é un pobo que terma de si propio.

É un pobo que ten dignidade, que existe e que toma as súas propias decisións.

Nós, o pobo galego, non puidemos negociar nada por nós próprios cando o Estado español pactou en 1985 a súa entrada na daquela CEE. Os nosos sectores estratéxicos (a pesca e a agricultura que agora defende Reikiavic, si, mais tamén o naval) foron entregues como moeda de cambio por un Goberno español que defendía outros intereses, os seus.

Ben, o pobo islandés é un pobo soberano, si, e hoxe non hai nada máis moderno que ser soberano (ou que aspirar a selo).

É ben que nós, galegas e galegos, tomemos nota, de quen é realmente moderno, guay e cool, e quen non é máis que un vasalo do Reich.

Comentarios