Opinión

O españolismo do PSdeG

No #SermosDebate fiquei surpreso -ás veces aínda me surprendo- ao escoitar a Pilar Cancela, número 1 do PSdeG-PSOE por A Coruña, e secretaria de Organización, definir o seu partido como "españolista"

No #SermosDebate fiquei surpreso -ás veces aínda me surprendo- ao escoitar a Pilar Cancela, número 1 do PSdeG-PSOE por A Coruña, e secretaria de Organización, definir o seu partido como "españolista". Tamén o definiu como "federalista" e "galeguista", mas reivindicou a palabra "españolista".

No mitin da Coruña, xusto ao día seguinte do debate organizado por este meio, Pilar Cancela participou no baño de masas de Pedro Sánchez en Palexco e na súa intervención voltou a utilizar a palabra. Españolista.

E esta cuarta feira, no debate da TVG, por terceira ocasión consecutiva, a secretaria de Organización do PSdeG definiu o seu partido na Galiza con ese mesmo vocablo.

Dou por suposto que non estamos ante unha gralla, dou por suposto que a secretaria de Organización dun partido serio, e o PSdeG o é, non incorre en deslices deste tipo

Fiquei algo perplexo. A voz "españolista" en non poucos ambientes, e non só nacionalistas, ten unha certa connotación pexorativa, e desde logo non lembro a moitos dirixentes do PSdeG, coa excepción talvez de Paco Vázquez, reclamar para si ese termo.

Entón? 

A ver, dou por suposto que non estamos ante unha gralla, dou por suposto que a secretaria de Organización dun partido serio, e o PSdeG o é, non incorre en deslices deste tipo. Debe haber algunha lóxica política que o explique. E si, intúo que sei cal é. A ver. O PSOE nesta campaña compite en dous flancos distintos. Á súa esquerda e á súa direita. Xa sabemos a quen ten á súa esquerda e xa sabemos quen o acosa pola súa beira dereita. Ciudadanos. Si, Ciudadanos. Un segmento da dereita na Galiza que se caracteriza precisamente polo seu...españolismo!! Bingo!! Esa é a resposta. O PSdeG é un catch all party. Galeguista. Federalista. Españolista. As campañas sonvos así.

Comentarios