Opinión

España, repetindo os erros de 1898

Que pouca democracia é capaz de procesar o réxime do 78!!

Que pouca democracia é capaz de procesar o réxime do 78!! Bastou que o nacionalismo catalán de centro-direita reparase nos límites do posibilismo pactista para que ficasen dramaticamente á vista as miserias do sistema. Isto é España. Foino sempre. Unha estrutura imperial. Unha cadea para os pobos, se empregarmos a terminoloxía clásica.

Bastou que CiU apostase abertamente no direito a decidir (até Duran i Lleida está niso!!) para que se vise que é posíbel neste Estado e que non é. Aquí non é posíbel o que si é en Escocia. Aquí non é posíbel votar. Bastou que o nacionalismo catalán se unise, e atraese canda si mesmo a sectores non nacionalistas, para o Rei ficar nú e perante o espello.

O 9N vivimos un lance histórico, un episodio de insumisión a un Estado sen precedentes na historia da Europa occidental. Unha insumisión absolutamente lexítima, pois era en defensa dun dereito humano e democrático inalienábel. Por que en Escocia si e aquí non? O Estado español non achou resposta racional ningunha a esa pergunta. Por iso non quixo ir a ningún debate. Por iso optou pola criminalización do que as brunetes mediáticas cualificaron de "desafío" soberanista.

Amagar co uso do Exército

E que fai España despois do 9N? Unha, amagar co uso do Exército. Non foi unha saída de ton dun mando calquera, non, foi unha declaración do chefe do Estado maior do Exército. E non dixo calquera cousa, non. Dixo que o Exército está para intervir fóra, mais tamén dentro. Contentou a Paco Vázquez, si, mais acabou de convencer a millóns de cataláns de que con este Estado español non hai nada que facer.

Domínguez Buj, chefe do Estado maior, evocou esoutro día 1898. Pois si, nesas voltamos a estar

Espadón ao marxe, a segunda cousa que fai España é usar o seu poder xudicial -neste caso unha fiscalía aberrantemente indixitada desde o poder executivo, morte a Montesquieu- contra os representantes lexítimos de Catalunya, imputándolles até 4 delitos. Xa se sabe: a vella fórmula de inverter a realidade. Convertamos as vítimas -os cataláns aos que Madrid lles nega os seus dereitos democráticos máis elementares-  en verdugos. Poñámolos fóra das institucións. Inhabilitémolos. Xa o fixemos con Otegui para 2016. Fagámolo agora con Artur Mas para unhas eventuais plebiscitarias en 2015.

O Estado español -as súas clases dirixentes- é hoxe, con moito, o máis reaccionario e autoritario da Europa occidental. Non é capaz de asumir a súa base plurinacional. Fai augas por toda a parte, vai perdendo a ollos vistos toda a súa lexitimidade perante cada vez máis amplos sectores da sociedade. Domínguez Buj, chefe do Estado maior, evocou esoutro día 1898. Pois si, nesas voltamos a estar. España está voltando a cometer os mesmos erros que a finais do século XIX levaron a que Cuba e Filipinas se emancipasen da Metrópole (palabra que non invoquei eu, invocouna Domínguez Buj). O desenlace desta nova crise, 116 anos despois do desastre do 98, ten pinta de acabar sendo parecido.

Comentarios