Opinión

Ecos do goberno amigo

O desexo expresado por Gómez Reino de a Marea participar no "goberno do cambio" trae inevitabelmente ecos da teoría do goberno amigo, un clásico da política galega. 

O desexo expresado por Gómez Reino de a Marea participar no "goberno do cambio" trae inevitabelmente ecos da teoría do goberno amigo, un clásico da política galega. 

A retórica rupturista vai perdendo gas nas mensaxes de En Marea, cada día mais focadas a desprazar o PSOE dos caladoiros centristas. Isto foi moi notorio no debate radiofónico de Antón Gómez Reino con Carlos Callón, Pilar Cancela e Miguel Lorenzo, na SER-Coruña. O horizonte xa non é asaltar ningún ceo, senón a Moncloa. O obxectivo é tan rupestre como participar no "goberno do cambio". Para os que estamos a piques de ultrapasar a barreira do medio século -ah, amigas e amigos, a nova política énos esquiva!-, a fraseoloxía arredor da palabra "cambio" évocanos invariabelmente a campaña de Felipe González de 1982, o eterno retorno.

Aceitamos España como animal de compañía se os nosos amigos gobernan no Estado

A apelación ao goberno amigo é, en realidade, máis que política vella, política paleolítica. Practicouna Fraga con Aznar e Touriño con José Blanco. A ideia basicamente consiste en dicer que a Galiza lle irá ben se colocamos na Moncloa a determinado individuo, para que nos imos auto-organizar, mellor ter o móbil dalguén importante en Madrid. En Marea -nomeadamente a facción podemita, a que está máis próxima do chefe- aspira agora a reeditar esa idea con Pablo Iglesias. Os precedentes non son para tirar foguetes, mais non nos enganemos: a táctica de ligar as túas expectativas á conquista do goberno pode funcionar porque hai un sector moi importante do público que vai votar con mentalidade deportiva, e o máximo título aquí en xogo son as chaves da Moncloa, unha liga na que non todas as equipas participan (ningunha das soberanistas, por motivos obvios).

Non só está a Marea pola leria do goberno amigo. Ada Colau dixo este domingo nun mitin matritense, na Caixa Máxica, a partillar atril con Pablo Iglesias, que aspira a que Madrid volte a ser a "nosa capital". Ou sexa, aceitamos España como animal de compañía se os nosos amigos gobernan no Estado.
 

Comentarios