Opinión

Dietario de campaña (VI): de MAA a Willy Meyer

1.-Almorzando. Mergúllome na leitura dun artigo de Miguel Ángel Aguilar (MAA).

13 de Maio, 8.30 h.

1.-Almorzando. Mergúllome na leitura dun artigo de Miguel Ángel Aguilar, colunista da imprensa sistémica e pena dotada de non pouca graza e talento. Detecta o que aquí estamos a consignar acotío: que nen PP nen PSOE -el engade CiU- teñen o menor interese en mobilizar as masas con vistas ao 25-M. Saben que van ter un moi mal resultado eleitoral. Canta menos xente participe no castigo, moito mellor para eles, razoa Aguilar.

Cando se consumar (o castigo), os partidos do rexime han botar balóns fóra con alegacións deste teor:

a)- as europeas non se poden ler en chave "nacional" porque a participación costuma ser moi baixa, desta volta aínda máis baixa.

b)- non é que se castigase o bipartidismo, o que aconteceu é que se expresou distancia a respeito do proceso de construción europea. A resposta non debe ser, porén, alimentar o euro-escepticismo, senón ir a máis Europa (se non queres dúas tazas..).

c)- contodo, as forzas do bipartidismo continúan a reunir máis do 50% do eleitorado, o cal mostra a súa fortaleza, en contraste con fenómenos como os ocorridos en Franza e o Reino Unido [inquéritos dan como favoritos ao Fronte Nacional lepeniano e ao Partido pola Independencia do Reino Unido (UKIP)].

13 de Maio, 11.30 h

2.-Flipo (permítanme a licenza vulgarizadora) ao saber que o debate PP-PSOE, ou PPSOE, se apraza non porque o demande o PP -que estaba disposto a realizalo tal e como estaba programado, embora o loito lóxico polo asasinato dunha súa militante-, senón porque así o pide o PSOE.

Non comento nada. Hai cousas que se comentan soas.

13 de Maio, 22.30 h

3.-Angels Barceló entrevista a Willy Meyer, cabeza de lista de IU. O veterano dirixente do PCE defende que en Europa se abra un proceso constituínte en que o protagonista sexa o pobo. Que pobo? O pobo español? O pobo alemán? O pobo francés? O pobo galego? A que pobo se refere Willy Meyer?

Na cabeza de Willy Meyer "pobo" é un conceito abstracto, desnacionalizado. Non se pode referir a un "pobo europeu" porque tal cousa é unha entelequia.

Esta falta de concreción das cousas máis que propia do marxismo, do que Meyer se reclama, éo do idealismo posmoderno. En todo caso, os procesos constituíntes só os poden abrir os lexítimos donos da soberanía (e aquí ben sei que lexítimo non é sinónimo de legal). Ou sexa, na Galiza o pobo galego. Ningún outro pobo, por moito disfraz cosmopolita que se procure como acubillo.