Opinión

Dietario de campaña: The Last Dance

Finito. No va Más. That´s all folks. Alá vai a campaña.


24 de maio. 00.09 minutos

Finito. No va Más. That´s all folks. Alá vai a campaña. Dúas semanas de confronto en perfil baixo, moi mediatizadas polas estratexias dos partidos sistémicos, e na Galiza nomeadamente pola do PP, cuxo dominio omnímodo sobre os mass media -públicos e privados- se tornou estes quince días aínda máis abafante. O PP imprimiu ao xogo a velocidade que lle interesaba para cumprir os seus obxectivos, isto é, que parte da clientela zangada coas súas políticas ficase na casa, virase as costas a estas eleccións, non se expresase de ningún xeito. Pasará a historia da campaña a decisión da TVG de colocar o debate eleitoral na G2, para clandestinizalo. Baste este episodio para entendermos como foi esta contenda. Ese episodio e a ofensiva final contra o BNG, para reducir a súa presenza nos informativos da RG e da TVG. Retallar o BNG era un elemento central tamén na estratexia do PP, obsesionado con que non houbese campaña, mas tamén con que esta non se focase sobre Galiza.

O último baile de campaña, The Last Dance, foi bastante polo rego. O único titular rechamante deixouno Feijóo, seus guionistas felizmente ocorrentes por unha vez. A Troika non é popular, chefe, alertárono. Seino, xa González Pons dixo no limiar do combate eleitoral que a UE non dá votos, que o que dá votos é España. Pois ben,chefe, se a Troika non é popular, digamos que a Troika é ZP, Rubalcaba e Valenciano. Ben, iso está ben. Iso son capaz de o dicer.

A Troika non tivo quen a defendese durante a campaña, non tivo quen lle escribise ningunha carta de amor. PP e PSOE distanciáronse da Troika. Finxiron desafecto. Pura comedia. O 26-M voltarán a pórse firmes ante o BCE, a Comisión Europea e o FMI. Até dentro de 5 anos, como mínimo, non formularán a máis mínima crítica á Troika.

O BNG foi a máis en campaña, o que explica o ataque desmedido do PP através das súas institucións satélites, públicas e privadas.

Son as 00.15, hai apenas un cuarto de hora que soaron as últimas notas do último baile de campaña, The Last Dance, así que vou aventurar un pequeno balanzo provisorio da campaña, con avaliación de cada unha das formacións políticas:

BNG. Máis que cumpriu, cunha Ana Miranda entusiasta e un Xavier Vence que combina rigor con paixón polo país. O BNG estivo ben de discurso, con capacidade para o centrar no país e para galeguizar a axenda. O grande acerto da campaña do Bloque foi dar ligado a cuestión nacional -a demanda de soberanía para Galiza- coa crítica radical a esta UE.

Foi a máis en campaña, o que explica o ataque desmedido do PP através das súas institucións satélites, públicas e privadas. O culmen foi o retallamento da súa raquítica presenza nos informativos da TVG.

Compromiso por Galicia. Unha campaña digna e modesta a da formación galeguista, loxicamente con problemas para ter autofalantes, o que apenas lles deu opción para inter-actuar coas outras forzas. Paulo Carlos López mostrou que ten potencial de futuro, embora tamén deixou ver lagoas propias da súa inexperiencia.

AGE. O seu discurso estivo moi subsumido no de IU a nível estatal. Moi pouco espazo -case nulo- para a prosa soberanista. Moita leña a Troika, si, mais excesivamente cosmopolita, como se Galiza fose como Grecia, e non o é, non temos un Estado proprio, estamos aínda un estadio por debaixo.

Beiras estivo discontinuo, Yolanda Díaz non achou o seu sitio e por momentos Lidia Senra, que puxo traballo e vontade, mostrou certas carencias cando a axenda temática non transitaba polos vieiros da soberanía alimentar.

PSdeG-PSOE. Blanco foi unha das grandes decepcións da campaña. En ningún momento foi capaz de a bipolarizar con Feijóo. Estivo engruñado, talvez condicionado polas sombras que retrospectivamente deita Angrois sobre o seu capital político. Gómez Besteiro continúa basicamente desaparecido en combate.

O PSdeG non tivo perfil próprio na campaña. Non foi quen de galeguizar nada, foi simplesmente a federación galega do PSOE.

PP

Millán Mon non deixa un titular nestes 15 días. Expresouse en español no debate eleitoral na TVG. Gastou un ar displicente e aristocrático, transmitindo en todo momento certo fastío por ter que lidar co persoal para conseguir votos.

O PP non quería campaña, pero Cañete perpetrou o Cañetazo e a cousa adquiriu unha fasquía distinta

Feijóo estivo máis en campaña en España que na Galiza. Ficou retratado coa súa primeira reacción ante o Cañetazo. Feijóo é un político de enquisas, non de conviccións. É un político de laboratorio. É un político que fala ao ditado dos asesores.

O PP non quería campaña, pero Cañete perpetrou o Cañetazo e a cousa adquiriu unha fasquía distinta, así que a última hora tocou a rebato, de modo a pescar algo no caladoiro da indecisión. Mais a maquinaria anda algo enferruxada. Non superar as 1.000 persoas no mitin de fin de campaña na Coruña é un indicio revelador de que o vello partido de don Manuel, aquela organización de masas que o arrasaba todo cando puña en marcha os seus panzers, non atravesa o seu mellor momento.

23 de Maio. 00.35.

Este dietario toca ao seu fin. Pouco hai que reflectir no día de reflexión. Haberá epílogo, claro, mas esa é unha tarefa para dentro de algo menos de 48 horas.

Descansen, que falta fai.

Comentarios