Opinión

Dietario de campaña: Pablo Iglesias e Irmandade TV

Hai candidatos simpáticos para os meios e hai meios non simpáticos, antipáticos, para os poderes, entre eles o poder xudicial.


22 de maio. 13.14 h

Hai candidatos simpáticos para os meios e hai meios non simpáticos, antipáticos, para os poderes, entre eles o poder xudicial.

Pablo Iglesias é o prototipo de candidato simpático para os meios. A verdade é que dá xogo. É un bon profesional da tertulia, un tipo guai de estética perfeitamente traballada: nen gravata pop nen coleta son casuais. O seu hábitat é o plató. IU opina que tira vantaxe ilícita da súa condición de tertuliano. Minutos catódicos dos que non gozan outras formacións políticas que tamén teñen os seus picos de oro, Pablo Iglesias tampouco é o alfa e o omega da comunicación. Ten razón IU ao queixarse de que o seu ex asesor tira proveito da devoción que lle teñen os programadores de tertulias. Mais o dardo da crítica melhor iría dirixido a quen contrata os servizos do candidato-tertuliano e non a este, que non fai nada distinto ao que facía e proclamaba cando asesoraba aos de Cayo Lara [na última campaña galega, sen irmos máis lonxe].

En Holanda só votou o 37% do eleitorado. Que dirían se tal cousa acontecese en Venezuela?

Irmandade TV é o prototipo de meio non simpático para os poderes. Por galego e por independente. Nada estraño que os botasen da sala onde o poder xudicial español xulga 12 persoas que seica cometeron un delito execrábel: defender a lingua galega dos que a quixeran ver no país no que viven o latín ou o sánscrito, o país das linguas mortas.

22 de maio. 14.30 h.

A tesoura corta a presenza do BNG nos informativos da CRTVG. Non é só un ataque ad hoc ao nacionalismo galego: é tamén unha invasión do (inexistente) ámbito competencial proprio. Vexamos. A ultra-españolista UPpD apresenta un recurso perante a Xunta Eleitoral Provincial da Coruña, que fai ás veces da central galega. Rexeitado. UPyD vai entón a Madrid e Madrid responde como era prevísibel. Aceita parcialmente o recurso de UPyD, xusto nos aspectos máis negativos para o BNG. A XEC ordena entón á XEP que modifique o plano de cobertura da radio e da televisión pública galegas. Isto, desde Madrid dísenos que é o que temos que programar na radio e na televisión nacionais galegas.

Así funciona España e non ten pinta de que deixe de selo no futuro.

22 de maio. 22.30 h.

Escoito que xa foron as eleicións en Holanda. Estarrecedor dado de participación. 37 por cento. Dano na SER. Non fan ningunha valoración da cifra. Imaxino que dirían se a elección fose en Venezuela. Dirían que ese é un Réxime, non unha Democracia. En Holanda a vara de medir é outra. Aquí a abstención non se vai medir como deslexitimación de nada. 37 por cento. Isto é, o 63 por cento non votou [non o fixo porque sabe que os que mandan non se presentan ás eleccións, como nos EUA, os amos da General Motors non os vota ninguén]. Mais non pasa nada: somos o berce de mundo mundial, o crisol de todos os valores, a matriz de todas as civilizacións, este ollar eurocéntrico -ese ar de superioridade co que se olla o resto do planeta- éme cada día máis inaturábel.

Comentarios