Opinión

Dietario de campaña: estética Eurovisión e debate soporífero

"Non estiven fino". Non é a declaración dun 9 en horas baixas.


Oitavo día. 15 de maio 9.30 h

"Non estiven fino". Non é a declaración dun 9 en horas baixas. É a declaración do líder dun partido político, do sedicente chefe da oposición parlamentar no EE.

Di que non estivo fino porque, de acordo coa impresión xeral da imprensa, se equivocou no ton. Non atacou a Rajoy. Estivo conciliador. Home de Estado. Ou sexa, home de Estado intercambiábel co outro Home de Estado. Home de Estado español.

[os que critican agora a Rubalcaba son os que aplaudían a bambi Zapatero, cando era Sosoman e se fartaba de lle ofrecer pactos de Estado a Aznar].

En realidade, Rubalcaba pensa que non estivo fino porque, despois de a grande coligación ser trompeteada como perspectiva por Felipe González, a súa actuación parecía preanunciar o abrazo do urso co púxil conservador, combate nulo, combate tongo. Non é que Rubalcaba non queira ser vicepresidente de Mariano, é que agora non toca, estamos en campaña, non estiven fino, dixo Rubalcaba como cando Fernando Vázquez admite que se equivocou ao pór a Marchena a última hora no relvado.

15 de maio. 21.30 h.

Debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea. Retransmisión con estética de Eurovisión. Público presente. Claques a aplaudir. Cronos xigante marcando o tempo das intervencións, estilo 59 segundos. Ton apagado. Sucesión de monólogos.

O rupturista de esquerda Tsipras está extraordinariamente comedido. Di defender o direito de autodeterminación como principio abstracto, mais no concreto, no que di respeito de Catalunya e Escocia, defende unha solución federal e a súa permanencia en España e no Reino Unido.

Todos son absolutamente anti-rusos [Tsipras si fai algunha alusión crítica aos neo-nazis que campan polos seus respeitos en Kiev]. O que une agora as elites europeas é o inglés como lingua franca e o anti-eslavismo.

15 de maio. 22.30 h.

O debate bipartidista na TVG Cañete-Valenciano. Soporífero. Previsíbel, como previsíbeis son Rajoy e Rubalcaba. Guerra de cifras. Dupla linguaxe e muito cinismo.

Un par de ausencias perfeitamente calculadas (talvez pactadas de antemán): nen rastro de Bárcenas (só unha insinuación leve de Valenciano ás viaxes populares a Suíza) nen da oferta de Cañete avalada por González de goberno de coligación.

Empate técnico.

Comentarios