Opinión

Dietario de campaña: Cañete-PaulaP silentes e a mordaza ao BNG

Despacho do presidente do PP. Cafés. Croissants. Algún cigarro clandestino.

20 de maio. 9.00 h. Maitines en Génova

Despacho do presidente do PP. Cafés. Croissants. Algún cigarro clandestino. O inevitábel charuto pendurado de medio lado da boca de Mariano, cavidade asimétrica e desencaixada.

Que facemos con Cañete?, pergúntanse angustiados os fontaneiros de Génova mentres o arúspice Arriola se reintroduce na cociña demoscópica por ver se o exabrupto machista do ex ministro pode desaletargar a sectores abstencionsitas. Que facemos, Mariano? Mariano, cada día máis certo de que Cristiano Ronaldo si estará en Lisboa, suga largamente no charuto, xoga cos tempos e entretense coas volutas do tabaco, o seu estilo de condución é ese, o de dar a impresión de que en calquer momento lisca da Moncloa e volta ao seu escritorio de rexistador da propriedade en Santa Pola.

"Paula Prado é a portavoz do partido e silenciar a túa portavoz, sen cesala, é unha das maiores proezas da política occidental das últimas décadas"

-Tranquilos, rapaces, faremos o que está a facer Feijóo na Galiza -moumea ao fin sen apenas mover as comisuras dos beizos, con esa dicción pastosa -os spaguettis entre os dentes, que diría Felipe González- que o caracteriza.

-¿¿¿???

-Si, tíos, o que está a facer Feijóo con Paula Prado. Facela desaparecer. Pendurar algunha foto dela en twitter nalgún mitin ignoto, pouco máis.

-Facemos desaparecer o noso candidato, Mariano?

-Non digo iso, je, je -retruca Rajoy mentres de esguello non perde de vista -ten o Marca estendido sobre a mesa do seu despacho- que Karim sofreu algunhas molestias no último treino. Digo que basta con non o enviar a algunha entrevista digamos delicada, nada máis. Se reparades, o de Feijóo é aínda máis heavy.

-Por?

-Porque Paula Prado é a portavoz do partido e silenciar a túa portavoz, sen cesala, é unha das maiores proezas da política occidental das últimas décadas.

Todos estiveron de acordo.

20 de maio. 13 h

4% de share, menos de 900 mil persoas. Colleita do debate a 6 na TVE. Non por sacrificar o pluralismo político -excluíuse a candidatura de Os Pobos Deciden- se obtén máis audiencia. O formato de debate como sucesión de monólogos, sen que a moderadora achegue un argumento ou provoque ningunha reflexión, non leva a ningures. Só a zapear. E despois está González Pons. Nunha das súas primeiras intervencións, púxose estupendo e largou sen despeitearse que "España" volta a ser a "Alemaña do Sul de Europa". Para escapar.

20 de maio. Por volta das 20 h.

Non dou crédito á noticia: a Xunta Eleitoral Central dá a razón ao recurso de UpyD e ordena modificar o plano de cobertura aprobado pola CRTVG coa intención de deixar fóra dos espazos informativos o BNG.  

O argumento da XEC non hai por onde collelo: o ámbito de difusión da TVG é Galiza e en 2009 103 mil persoas votaron BNG nas eleccións europeas. A XEC di que non, que votaron unha coligación chamada Europa dos Pobos, que esa coligación obtivo un escano e que ese escano pertenceu a maior parte do tempo a ERC. Mas o certo é que en 2009 o BNG fixo campaña como tal en Galiza e que as papeletas que os votantes introduciron as urnas eran do BNG, levaban o logo do BNG, eran votos nacionalistas galegos.

Digamos que a XEC é un órgao xudicial, mas controlado politicamente, xa sabemos como funciona a división de poderes no EE. Digamos que do que se trata é de que a sociedade tome nota de a quen os poderosos consideran mal@s, malotes. Pois si, a eses, ás e aos nacionalistas galegos. Hai que poñelos fóra de todo, ordenan desde Madrid, até da televisión galega, as outras xa nin as cheiran.

O sistema sabe perfeitamente quen está dentro e quen está fóra.

Comentarios