Opinión

Dietario de campaña: a autodeterminación pensada para África?

Saíu Arriola da cociña e, voz en berro polos corredores de Génova, deu a alerta.

21 de maio. 9.30 h

Saíu Arriola da cociña e, voz en berro polos corredores de Génova, deu a alerta. Onde está Cañete??? Traducido: si que nos pode facer pupa a declaración cavernaria do urso Cañete. Onde vai hoxe a declarar? Á emisora vaticana. Ben, xogamos na casa. Cañete presenta por fin as desculpas pola súa declaración machista. Sofismático ["se ofendín a alguén..", como se houbese algunha hipótese de non o ter ofendido a ninguén], campechano, un pouco como é este home, machista, claro, mas tamén membro da clase social -a oligarquía terratenente- dominante na península desde aproximadamente a doma e castración. O patriarcado, sempre ligado a todas as formas de opresión  imaxinábeis na nosa civilización.

21 de maio. 10.30 h.

Vou nos camiños de ferro. Leo a Willy Meyer, entrevista en El País. Lembro que coñecín moi superficialmente Willy Meyer no Congreso en 1996. Un velo de nostalxia cóbreme o rosto, non por WM, senón pola fugacidade do tempo, sempre tan esvaradizo, juventud divino tesoro...

O PCE é partidario do dereito a decidir...a decidir ficar en España.

Voltemos á prosa. Pergúntalle Vera Gutiérrez Calvo:

-O PCE nunca foi nacionalista. Incomódao que IU en Catalunya se situase a prol do proceso soberanista?

[Reparen que non lle pergunta pola ligazón de IU con Galiza -através do seu pacto coa Anova de Beiras-, senón que o que move a cuestión é Catalunya; o noso país sempre secundarizado en España].

Responde Meyer:

-Non, porque o PCE sempre defendeu o direito de autodeterminación, é verdade que pensando entón sobre todo nas colonias africanas...Nós somos partidarios do direito a dedicir, pero non da independencia.

A ver, antes de 1978, a esquerda española -tamén o PSOE!!!, daquela sedicentemente marxista- defendía en teoría o direito de autodeterminación, mais non para o Sáhara, senón para as nacións sen Estado enclaustradas no EE!!!! Mala memoria de Meyer ou esquencemento finxido?

Ítem máis: Meyer di que "nós", ou sexa o PCE-IU, son partidarios do "direito a decidir, pero non da independencia".

Ou sexa: o PCE é partidario do dereito a decidir...a decidir ficar en España. Ben, é lóxico: é un partido español e, por empregarmos a terminoloxía que importamos de Irlanda, unionista.

21 de maio. 21.35 h.

O BNG levou o caso da súa marxinación da CRTVG ao Supremo. Pede medidas cautelarísimas, para que non se execute o acordo da xunta eleitoral central en tanto non se substanciar o seu recurso. A resolución deste episodio é toda unha proba do nove para verificarmos a formalidade democrática no Estado e para mostrar se realmente aquí hai ou non hai división de poderes.

Comentarios