Opinión

A democracia e esta UE son incompatíbeis

En xaneiro de 2015 o pobo grego outorgou unha vitoria incontestábel a Syriza, unha coligazón que se autocualifica como esquerda radical, con raíces no eurocomunismo.

En xaneiro de 2015 o pobo grego outorgou unha vitoria incontestábel a Syriza, unha coligazón que se autocualifica como esquerda radical, con raíces no eurocomunismo. O domingo 5 de xullo o pobo grego voltou a falar, desta volta para esmagar nas urnas as propostas da Unión Europea.

Moi ben: que peso tivo o pronunciamento do pobo grego sobre o ánimo do Goberno Syriza á hora de negociar con Bruxelas? Decidiu algo realmente o pobo grego? Absolutamente nada. Grecia votou contra a austeridade e volta a ter austeridade. Grecia votou pola soberanía e, após o acordo co Eurogrupo, continuará a ser unha colonia interior no seo da UE.

Agora Syriza amaga con eleccións antecipadas. Moi ben, mais con que obxectivo? Para que piden á xente que volte a votar se despois apenas lle fan caso?

Grecia votou pola soberanía e, após o acordo co Eurogrupo, continuará a ser unha colonia interior no seo da UE

Xa non é que a UE estea alicerzada sobre un déficit democrático: é que esta UE -a sustentada pola dereita neoliberal e a ex socialdemocracia- é radicalmente incompatíbel coa democracia. Axe como se o voto popular non existise. Viuse no Estado español. Zapatero e Rajoy receberon mandatos populares claros e gobernaron en sentido contrario a eses mandatos. Na Italia xa viviron gobernos tecnocráticos impostos por Bruxelas. Agora, vemos con Syriza que unha formación non nada do bipartidismo sistémico acaba tamén por naufragar na mesma lama.

O capital financeiro internacional -de matriz basicamente alemá- goberna con puño de ferro a UE. O único que se pode resgatar aquí son os bancos, nunca os pobos. Quen estar na UE -e na eurozona- asume a súa lóxica, unha loxica xeneticamente oligárquica, nas antípodas da democracia.

O reformismo pactista non é saída porque os que mandan non queren pactar: simplesmente esmagan a disidencia

Isto é así. Acabamos de o ver con Syriza e veriamolo no Estado español se gobernaren os seus homólogos matritenses. O reformismo pactista non é saída porque os que mandan non queren pactar: simplesmente esmagan a disidencia, mesmo a versión máis light e moderada do programa socialdemócrata.

É ben sabermos ben con quen nos xogamos os cartos e como enfrontarnos a eles.

Comentarios