Opinión

A democracia televisiva

Na súa recente entrevista con Ana Pastor, Pablo Iglesias -político e gurú- dixo literalmente: "A batalla das ideas ten na televisión o seu terreno principal".

Na súa recente entrevista con Ana Pastor, Pablo Iglesias -político e gurú- dixo literalmente: "A batalla das ideas ten na televisión o seu terreno principal". Ou sexa, ou fas parte do Partido Tertuliano ou non tes futuro político ("O 95% dunha lideranza é un dispositivo audiovisual", sostén o profesor da Complutense). Esta é unha curiosa teoría vinda dun político que se di transformador e que en tempos non moi remotos profesaba ideoloxías revolucionarias. Que dirían os clásicos Enrique Bustamente -Los Amos de la información en España (Akal, 1982)- ou Hans Magnus Enzesberger -Elementos para una teoría de los medios de comunicación (Anagrama, 1984) destas declaracións do líder de Podemos? Talvez parafrasearían a frase de Lenin de que a liberdade de imprensa só a ten o dono da imprensa. Mutatis mutandis, a liberdade de expresión na televisión só a ten o dono da televisión, só a ten aquel que te pode convidar ou non a estar no prime time.

Estariamos, pois, na democracia televisiva, curiosa forma da democracia en que os líderes non son o produto dunha selección por parte da militancia dunha dada formación politica, senón que ascenden ao topo da pirámide por cooptación das televisións, que son as que os poñen diante das cámaras. A resposta de Iglesias, sensíbel ás críticas, á pergunta de que por que o levan tanto a programas de prime time é a previsíbel. Lévano porque é negocio, porque dá audiencia. Argumento pobre. Primeiro, porque a habelencia comunicativa de Pablo Iglesias -que é evidente- é tamén produto da experiencia (a prática comporta mellora, se pasas a vida nos platós acabas adquirindo determinadas habilidades). E segundo, porque as televisións teñen formas alternativas de procurar a audiencia que non pasan por publicitar as mensaxes dun líder pretensamente rupturista.

A batalla das ideas televisiva que preconiza Pablo Iglesias non a poden practicar nen Bildu nen ERC nen o BNG porque ningún dos seus líderes vai ser cooptado polos amos da información en España 

A democracia televisiva está aquí, portanto, e é aquela en que os donos das televisións poñen e quitan líderes. Por que caíu en tan poucos meses Cayo Lara como líder de IU se nas recentes europeas a formación de esquerdas conseguira o seu mellor resultado en moitos anos? Porque as televisións se dedicaron a promover o seu relevo, o telexénico Alberto Garzón, a quen convidaban no canto de Lara. Cooptaron Garzón e criaron a atmosfera de presión social que levou a facer a posición de Lara insustentábel dentro de IU.

En todo caso, é evidente que a fórmula Podemos non é universalizábel (foi patético ver esoutrodía Podemos, PP e PSOE discutiren nun plató a ver quen deles saía máis na tele) porque os titulares da democracia catódica non prodigan os seus convites moito alén do recén estreado tripartidismo. E se o ollarmos desde as nacións sen Estado, e desde as opcións políticas nacionalistas, aí o panorama é o que é. A batalla das ideas televisiva que preconiza Pablo Iglesias non a poden practicar nen Bildu nen ERC nen o BNG porque ningún dos seus líderes vai ser cooptado polos amos da información en España (que hoxe na televisión son un duopolio, por un lado a dupla LaSexta-Antena 3, por outro Cuatro-Tele5).

Gábanse os portavoces de Podemos da súa democracia interna. De que non sei cantos militantes optaron á secretaría xeral. Moi ben. Mais que porcentaxe da populación é capaz de pronunciar o nome dalgún candidato alternativo a Pablo Iglesias? Debe ser infinitesimal. Por que? Porque ningún deles pisa os platós das televisións, ningún deles goza do favor dos que teñen o poder de dicer quen sae e quen non.

Comentarios