Opinión

Debates excluíntes

A campaña eleitoral xa está aquí, en realidade está desde hai moitísimo tempo, tanto ten o que diga o calendario oficial.


A campaña eleitoral xa está aquí, en realidade está desde hai moitísimo tempo, tanto ten o que diga o calendario oficial. A campaña son hoxe os platós de televisión e neles a campaña comezou hai algo máis de ano medio, antes das europeias de maio de 2014, cando se lanzou o proxectil Podemos, non sei se a asaltar os ceos, mais si a modificar un taboleiro político que determinadas elites xulgaban xa inservíbel para os seus fins. Asistimos daquela a un monocultivo de Pablo Iglesias, que pasou de ser un personaxe só para iniciados en Youtube a competir no prime time con Jorge Javier Vázquez. Non foi a xente quen o cooptou, foron os donos de La Sexta, que, non o esquezades, amigas e amigos, sono tamén de Antena 3. Non contentes con ese lanzamento, e despois de facerse eco da demanda dun Podemos de Direitas, os platós fornecéronnos uns meses despois outro astro emerxente, este algo máis coñecido, o cidadanista Albert Rivera, bregado en Catalunya no combate anti-nacionalista desde o ano 2006. O cadro xa estaba completo. A campaña tiña outro alicerce, os inquéritos de opinión. Primeiro, lanzaron Iglesias, en detrimento de IU e do soberanismo de esquerdas. Despois, lanzaron Rivera, en detrimento de PP e PSOE. Dous satélites a colonizar o espazo exterior.

Aposto a que neste ano medio se lle fixeron a Pablo Iglesias máis entrevistas en prime time que a Felipe González nos seus 14 anos de presidente do Goberno

Ese traballo previo culminou esta fin de semana, a última formalmente de pre-campaña. O domingo, Metroscopia guindaba un novo inquérito nas páxinas de El País, dando carta de natureza ao novo tetraparditismo: ao bipartidismo vello víñaselle sumar o bipartidismo novo. A xogada completábase de noite coa enésima entrevista a Pablo Iglesias en prime time. Que alguén faga unha tese de doutoramento xa: aposto a que neste ano medio se lle fixeron a Pablo Iglesias máis entrevistas en prime time que a Felipe González nos seus 14 anos de presidente do Goberno. A combustión, claro, será máis rápida.

Estamos a 3 días do comezo formal da campaña. Os meios españois trombetean a boa nova de que preparan os debates decisivos -cada un deles individualmente o é, algo que no plano metafísico é imposíbel-. É o corolario a máis de 18 meses de bombardeamento propagandístico. Neses debates estarán as forzas previamente patrocinadas polos mass media, após eliminación selectiva de IU e da outrora lisonxeada UPyD. Son debates con axenda predeterminada, ao gosto do españolismo conservador, coa paranoia securitaria e o desafío soberanista (sic) no topo temático. E son debates excluíntes porque neles non se dará voz a ningunha das forzas soberanistas -representantes de Galiza, Catalunya e Euskal Herria- que son hoxe as que inter-actúan dialecticamente -o único proceso constituínte en marcha e con pobo organizado detrás é o que quer abrir o bloco independentista catalán- cos catro xinetes catódicos-demoscópicos españois.

Comentarios