Opinión

Os debates a 4 son excluíntes tamén

Os españois, a fachandearen eles, vannos vender como un grande avanzo do seu réxime político que na inminente campaña eleitoral os debates desta volta serán a catro e non a dous. Ben, catro é o duplo de dous. Iso é innegábel e podemos dicer, portanto, que se produciu un cambio cuantitativo. Mas o que non podemos dicer é que se producira un cambio cualitativo, porque a esencia pouco muta. Onde había unha oferta socialdemócrata teremos dúas e onde había unha proposta dereitista teremos tamén dúas. Un bipartidismo duplicado, poderíamos inferir.

Que continuará sen existir nos debates da campaña española? Pois o factor verdadeiramente transformador do réxime: o soberanismo. Ausencia total de referentes autodeterministas. Despois a aritmética será a que sexa e moi previsibelmente, como aconteceu o 20D, os escanos soberanistas volten a seren imprescindíbeis para a formación de maiorias polo flanco esquerdo. Mais no interín afastemos dos ecrás, das pantallas, esas curiosas forzas políticas que defenden a criación de Estados propios, distintos do español.

Que continuará sen existir nos debates da campaña española? Pois o factor verdadeiramente transformador do réxime: o soberanismo

Argumentaredes que no debate estará a voz de Unidos Podemos e que esa forza defende o direito a decidir. Certo. Mais reparai en que o defende non para decidir construír nada distinto do Estado español, senón para garantir a súa unidade. Non o digo eu. Dino eles. Portanto, a efeitos de reflectir o pluralismo real que existe no Estado -e que, volto a dicer, ten como polo fundamental da dialéctica política as opcións soberanistas- o debate a 4 é máis ou menos a réplica do debate a 2.

E que dicermos desde a Galiza? Mais un debate en que o noso país estará ausente: nen tomará a palabra nen se falará del. A exclusión xa dura de máis.

Comentarios