Opinión

Cuba gaña

Aquí non cabe moita equidistancia. O confronto é entre un Imperio e unha pequena Illa. 

Aquí non cabe moita equidistancia. O confronto é entre un Imperio e unha pequena Illa. Un confronto histórico sen o cal non é posíbel entender a historia do mundo desde finais dos anos 50 do pasado século. Un confronto que agora entra en vías de aparente desactivación. A Habana obtén a liberación dos tres presos de Miami e, a cambio, entrega un prisioneiro norteamericano. É moito máis que un intercambio. É unha vitoria, a vitoria da Revolución cubana, que sen facer ningunha concesión relevante -mantén inalterado o seu sistema social e político, o socialismo a 90 millas mariñas da meca do capitalismo global- fai entrar en razón á grande potencia imperialista. A normalización das relacións diplomáticas preanuncia tamén o fin do anacrónico bloqueo, o mal chamado embargo, un evento que, cando se realizar, constituirá toda unha derrota para as elites de Washington que o mantiveron intocado con administracións demócratas e republicanas.

Obama: "O illamento [de Cuba] non funcionou", un claro recoñecimento do fracaso de medio século de bloqueo

O ton das declaracións dos líderes norteamericano e cubano é suficientemente ilustrativo de quen gaña na partida. Obama: "O illamento [de Cuba] non funcionou", un claro recoñecimento do fracaso de medio século de bloqueo. Raúl Castro: "Hai que aprender a conviver coas nosas diferenzas". Unha afirmación da Habana da súa vontade de continuar a ser diferente, distinta, socialista.

Desxeo. Final da guerra fría. Imposíbel non usar eses tópicos. A historia, mister Fukuyama, nunca termina.

Comentarios