Opinión

Ciudadanos como síntoma

O CIS prognostica que Ciudadanos obterá representación na Galiza o 20D.


O CIS prognostica que Ciudadanos obterá representación na Galiza o 20D. Estamos a falar dun partido que aquí apenas ten militancia e que afirma sen complexos que non ten propostas concretas para o noso país. De que é síntoma isto? Pois basicamente éo da fraqueza da nosa autoconciencia como pobo, se a tivésemos algo mais desenvolvida un partido así non tería a menor opción entre nós. Éo tamén do enorme poder de determinación da opinión pública que teñen os altofalantes mediáticos mesetarios, todos eles conxurados en colocar a mercadoría Ciudadanos no trinque eleitoral nos distintos territorios do estado.

Ciudadanos é síntoma de desnacionalización, de perda de pulso de país. A cousa foi a pior nos últimos 4 anos. Un trazo distintivo da Galiza parecía ser certa resistencia a engolir mensaxes ultra-españolistas (do tipo de mellor que a sanidade e a educación as volte a xestionar o estado ou que nas televisións autonómicas a metade da programación sexa en español). Isto tería explicado por que a semente de UPyD non dera prendido na nosa terra. Mais abondou con que a mercadoría se envolvese de forma máis sofisticada para rachar ese preconceito, e agora o discurso recentralizador de Rivera acha tamén a súa clientela eleitoral no noso país.

Ciudadanos é tamén síntoma de en que consiste a sedicente nova política. Neste recentísimo paradigma, non fai falta nen ter militancia nen implantación territorial. Trapalladas do pasado

Ciudadanos é tamén síntoma de en que consiste a sedicente nova política. Neste recentísimo paradigma, non fai falta nen ter militancia nen implantación territorial. Trapalladas do pasado, pesadísimas e cansativas perdas de tempo. Quita, quita, abonda con ter un líder telexénico e con pico de oro, abonda con que se mova polos platós da televisión como peixe na auga, abonda con que diga exactamente aquilo que queren ouvir os magnates catódicos. Chega con iso para triunfar no mercado eleitoral.

Por que Ciudadanos apenas vai a debates [declinou participar no #SermosDebate embora ter anunciado previamente a súa presenza]? Porque Ciudadanos é hoxe Albert Rivera e Rivera non pode ir a todos os debates, nen sequer un superheroe da política como el ten tamaña capacidade. Se fose legal, Rivera sería o número 1 de Ciudadanos en todas as provincias do Estado, daí que sexa o seu cartaz e non o das candidatas e candidatos dos distintos territorios o que se exhibe nas rúas.

Ciudadanos -con ese ardor guerreiro a querer bombardear Siria cada quince minutos- é síntoma de que o que se leva esta época na política é algo tan dos anos 30 do pasado século como o caudillismo. Mete medo, si, e se tendes algunha dúbida ollade cara Franza.

Comentarios