Opinión

O CIS de Soraya

Non hai comezo de campaña galega sen o sobresalto do CIS. Esta non é unha excepción. O maior sobresalto, non o dubiden, produciuse en Monte Pío. O 40/41 do veredito demoscópico non é precisamente o que lle convén neste momento ás tropas do PPdeG, que se en algo son expertas é en gañar eleccións sobre o terreno e aí, en plena batalla, os excesos de confianza poden perfeitamente levarte á derrota. Un 40/41 é un score tan amplo que pode ser desmobilizador daqueles sectores que votan non en función do cabalo gañador, senón da súa maior ou menor identificación ideolóxica cunha dada formación política (un votante dubidoso entre Cs e PP podería agora apuntalar o 0/1 que o inquérito atribúe ao partido de Rivera sendo que os arúspices de Madrid non poñen en dúbida a maioría absoluta da direita na Galiza).

Feijóo e a súa contorna andaron todo a día a rosmar co CIS. Eles terían preferido un abano como 37/39

Feijóo e a súa contorna andaron todo a día a rosmar co CIS. Eles terían preferido un abano como 37/39, un prognóstico que os colocase ao fío do cantil, non en terra firme, necesitados de todo o cariño da súa multitudinaria freguesía eleitoral. Feijóo e a súa contorna non sentiron un desacougo ou un zangamento abstracto. Era concreto, tan concreto que se encarnaba nunha persoa. Si, amigas e amigos, a irritación feijoniana tiña un albo perfeitamente definido, alguén que sempre agarda o político de Os Peares detrás de cada esquina, pronta a porlle un pau nas rodas, a ver se se esnafra de vez e desiste do seu soño madrileño. Soraya Sáenz de Santamaría. A chefa do CIS. Unha chefa moi poderosa. Se dominas o CIS podes perfeitamente teledirixir a opinión pública en período eleitoral (que para iso se fan os inquéritos, non para fotografar o que pensa o persoal, senón para o condicionar). Non por acaso Pablo Iglesias deixou claro -na súa carta ao rei mago Sánchez, naquela en que se auto-investía como vicepresidente- que o CIS era para Podemos, que mellor que un politólogo para dirixir un artefacto eleitoral.

E por que Soraya é un elemento perturbador da estratexia eleitoral de Monte Pío? Pois por unha sinxela razón: porque Feijóo é un rival directo na pelexa pola sucesión na Moncloa

E por que Soraya é un elemento perturbador da estratexia eleitoral de Monte Pío? Pois por unha sinxela razón: porque Feijóo é un rival directo na pelexa pola sucesión na Moncloa, á que a vicepresidenta aspira. Este CIS non é precisamente o contributo que o aparato do PPdeG agardaba. Amigas e amigos conservadoras e conservadores, eis tendes un exemplo de que depender de Madrid para todo é un problema. Quen vos dera agora ter un CIS galego!!

Aliás, o CIS na Galiza non é bon termómetro. Lembraba esta quinta feira Suso de Toro, na antena estatal da SER, que no noso país sempre fallaba e evocaba o disparate en forma de inquérito que publicou nas anteriores eleccións galegas, en 2012. Tampouco acertou precisamente en xuño pasado, antes das segundas xerais, naquela altura sobre-estimou o resultado de En Marea (atribuíulle 7 cando a confluencia obtivo 5) e reduciu as expectativas de PP (deulle 10 e tivo 12) e PSOE (calculoulle 5 e conseguiu 6).

En definitiva, tomemos este CIS como o que é, un novo episodio das guerras fratricidas internas dun partido que está profundamente dividido e que se aínda non rachou de forma aberta é porque mantén intactas as súas opcións de reter o poder estatal. Un partido que paradoxalmente oferta unidade á sociedade galega.

Un pequeno comentario sobre o prognóstico que atribúe o CIS ao Bloque. A mostra está nesgada

Un pequeno comentario sobre o prognóstico que atribúe o CIS ao Bloque. A mostra está nesgada. Se observamos o recordo de voto, este está sobre-estimado para o BNG (o cal, paradoxalmente, é mao para a formación frentista). Un 11,3% das persoas entrevistadas din que votaron nacionalista en 2012 cando en realidade o fixeron o 10,11%, entanto que só o 5,6% afirma ter votado AGE cando esta plataforma conseguiu realmente o 13,91% (isto só pode explicarse porque algúns votantes de Beiras de hai 4 anos non recordan ben se votaron Bloque ou AGE e porque En Marea non existía en 2012 e non todo o mundo a identifica con aquela coligazón de Anova e EU). Este factor, tecnicamente moi relevante, distorsiona todo o aparato preditivo deste traballo, sobre todo no que ten a ver coa transferencia de votos nacionalista a outras formacións. É moito probábel que estas sexan menores e que o Bloque reteña máis votos de 2012 do que o inquérito prognostica.

Neste mesmo traballo dísenos que en voto máis simpatía o BNG tería o 5,4% e, en troca, a estimación do resultado final é de 5,3%. Isto non ten xeito

Item máis: neste mesmo traballo dísenos que en voto máis simpatía o BNG tería o 5,4% e, en troca, a estimación do resultado final é de 5,3%. Isto non ten xeito. O voto máis simpatía acostuma ser inferior ao resultado final, que é o que acontece no resto de forzas políticas (por exemplo, o voto máis simpatía do PP é do 34,1, mentres que o CIS lle prognostica un voto válido do 44,9%, dez pontos máis).

Xa di o propio CIS que se se empregaren outros "modelos de estimación" a hipótese de percentaxe de voto e, consecuentemente, de escanos podería ser distinta. Con 5,4% como voto con simpatía, un "modelo de estimación" menos hostil co nacionalismo facilmente se iría transformar nun 6,5% final e non no 5,3% que deita o inquérito.

A cociñeira Soraya non simpatiza co soberanismo de esquerdas galego. Niso Soraya non está nada lonxe do seu inimigo íntimo Feijóo.

Comentarios