Opinión

Catalunya e a vía galega

Catalunya múdao todo.

Catalunya múdao todo. Aquí todo está inter-relacionado e o avanzo na causa nacional dun país (Catalunya) reflecte dalgún xeito no outro (Galiza). Cando o Principat acelerou en dirección a facer historia, a rachar o pacto secular coas oligarquías españolas, as contradicións agudizáronse, que dirían os clásicos, e o sismo rexistouse de maneira distinta nas diferentes nacións. En Euskadi cacháronos co pé cambiado, coa cuestión dos presos -a comezar polo mesmísimo Arnaldo Otegi, líder da esquerda abertzale- por resolver, atrancando desenvolvimentos maiores. E na Galiza o fenómeno produciuse após a desagregación de significativos contixentes de militantes nacionalistas da fronte común do BNG, após o trauma de Amio.

Cando Catalunya acelerou en dirección a facer historia, dicía, o segmento autoconscientemente galego da nosa sociedade tiña perante si dúas opcións distintas: ou manter o tipo e tirar para adiante, a defender o status de Galiza como nación e a priorizar o proxecto autodeterminista, ou preterir a cuestión nacional, de modo a que ficase conxelada, emboscada, disfrazada, coa coartada da procura de alianzas coa secidente esquerda rupturista española. E esas dúas opcións cristalizaron naturalmente por separado, sendo que responden a análises e estratexias distintas. Así foi imposíbel a unidade ante as xerais, e talvez teña sido mellor así porque as sociedades teñen direito a exploraren todas as vías posíbeis e hai unidades falsas que poden funcionar (ou non) no plano eleitoral, mais que non axudan a facer avanzar o país e a que a nación se exprese politicamente sen disfraces, como o que é agora e, sobre todo, como o que pretende ser no futuro, que é o tempo no que iremos consumir o que nos resta de vida.

Catalunya muda aquilo que a partir de agora podemos cabalmente considerar como progresista ou reaccionario

Catalunya múdao todo, si, sobre todo aquilo que a partir de agora podemos cabalmente considerar como progresista ou reaccionario. Non deixa de producir emoción real -a boa política sempre é conmovedora- a leitura da declaración do Parlament de Catalunya aprobada polos votos do bloco independentista esta segunda feira 9 de novembro. Esa si que é política rupturista de verdade. Rupturismo construtivo. Deconstrúese o vello, o irreformábel, o Estado español, para construír o novo -isto si que radicalmente novo-, o Estado catalán, a República da Catalunya [Imposíbel aquí, desde unha perspectiva galega, non evocar Amio e a aposta do Bloque naquel momento pola República da Galiza, depois diso produciríase a saída de Anova e Compromiso da fronte común...].

O 9 de novembro, a Cámara catalá expresou, sen ambigüidades, que só recoñece unha lexitimidade, a emanada da súa propria sociedade. Como expresou en twitter David Fernàndez, a cousa é sinxela: España non recoñece Catalunya e Catalunya non recoñece España. Todo proceso autodeterminista é necesariamente a recusación da vella legalidade opresiva, a legalidade imperial negacionista da nación emerxente. Os apelos dos partidos españois á lei son apelos a un status de dominación que é insustentábel porque o dominado se levanta. Si, certamente, o portavoz de Catalunya si que es Pot deu no albo ao afirmar que a declaración do 9-N era unha declaración de insurxencia. Como no seu tempo se insurxiron José Martí, Gandhi, Agostinho Neto, Gerry Adams ou Mandela. Todos eles se insurxiron contra un estado de cousas legal. Como Rosa Parks, a muller preta que decidiu rachar as normas e sentar no asento do autocarro como calquera cidadán norteamericano branco.

Non paga a pena perder un minuto en reflectir sobre a posición de PP, PSOE (o PSC morreu, os seus herdeiros están hoxe en Junts pel Sí) ou Ciudadanos. Mas si debemos reparar en Catalunya si que es Pot. Por dúas poderosas razóns. Unha, porque enarboran a bandeira do proceso constituínte alternativo ao independentista. Dúas, porque son a réplica de En Marea, o novo actor no cenario político galego.

Autodeterminación e legalidade

Obxectivamente, no debate parlamentar do 9-N, Catalunya si que es Pot fixou a súa posición como unha marca unionista máis. Certo é que defenden o referendo de autodeterminación para Catalunya, mais non o é menos que o fan dentro da legalidade española. E aí a contradición é insalvábel. É a legalidade española a que inviabiliza ese referendo de autodeterminación. Non é que o diga eu, é que o ten escrito Pérez Royo, o constitucionalista que acaba de fichar por Podemos, no seu recentísimo traballo La Reforma Constitucional inviable (Los Libros de la Catarata). Aí demonstra que no atual statu quo a Constitución española é virtualmente irreformábel: as maiorías cualificadas para a súa mudanza son tais (tres quintos en primeira instancia, dous terzos en segunda) que o bipartidismo sempre terá suficientes votos para a bloquear. Destarte, a asunción do direito de autodeterminación por parte de Podemos é un puro flatus voci, un brinde ao sol, unha declaració feita para ficar ben perante determinadas freguesías, mais sen consecuencias prácticas.

A posición progresista non é portanto afirmar un direito que é obvio que non é conseguíbel no marco do Estado español, senón aceitar que a ruptura xa está aquí e que vén da mao de quen ten a capacidade (política e social) para a traer, o independentismo catalán. E o progresista e o democrático é afirmar que ante a vontade expresa do pobo catalán, o pobo español non ten opción distinta a aceptala. Isto é progresista, mais non necesariamente revolucionario: é a doutrina expresa polo Tribunal Constitucional canadiano a respeito do Québec, é a posición de Cameron sobre Escocia.

Catalunya márcao todo. Xa nada será igual após o 9-N. As licións de Catalunya son obvias para quen as queira ver: non hai máis camiño que a acumulación de forzas no propio país, a vía do pacto coa España progresista é unha escada de caracol que se fecha sobre si própria e que non leva a ningures, porque a España progresista é un espectro que se repite nun bucle permanente, o que leva do lema felipista OTAN de entrada non á fichaxe podemita do ex chefe do Estado Maior do Exército que participou no saqueo imperial de Libia.

Voltemos a Galiza. Aquí as cousas están nidias. Hai unha vía expresamente galega e outra que continúa a acreditar en que o milagre español (yes they can) é posíbel. Ollar para Catalunya axuda a tirar conclusións e a saír do noso laberinto.

Este artigo xa viu a luz no número 171 do semanario Sermos Galiza, dispoñíbel desde a quinta feira, 12 de novembro, nos puntos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios