Opinión

Catalunya: independentistas versus unionistas

Máis que plebiscitarias, as eleccións en Catalunya son binarias. Ou arre ou xo.


Máis que plebiscitarias, as eleccións en Catalunya son binarias. Ou arre ou xo. Ou independencia ou unionismo. Neses termos está o debate e neses termos irá o pobo a votar -o pobo ou a xente ou a cidadanía e demais retórica cansativa posmoderna que se se vos ocorra. Hai momentos na historia en que unha sociedade ten de optar e non hai espazo para as terceiras vías. Un non se pode independizar só un chisquiño. Ou te independizas ou te mantés na dependencia. Ou ficas ti coas chaves do piso ou continúas baixo o dominio do caseiro, e estar baixo o dominio do caseiro xa sabemos o que significa: por máis guay que sexa o caseiro, a relación que mantés con el nunca é unha relación entre iguais, el é o propietario e ti tes que pedirlle permiso até para mudar os móbeis.

A postmodernidade, xa o sabemos, tenta relativizar todos os termos dos debates e introducir confusión alí onde é posíbel a claridade. O procés é unha revolución nacional en marcha. Unha revolución nacional en pleno corazón da Unión Europea, nun país cunha renda per cápita por cima da media comunitaria. O procés é tamén unha emenda á totalidade ao contrato histórico que durante  no mínimo unha centuria e meia (mentres se produciu a unificación de España como mercado único) mantivo o estaribel do Estado máis ou menos estábel (cun par de ditaduras, unha especialmente sanguenta e xenocida, polo meio). Mais ese contrato xa non se tiña de pé. A globalización na súa fase actual levouno por diante: os Estados en Europa xa non son o cenario dos negocios, transnacionalizáronse, a escala é a comunitaria. A burguesía catalá continúa a concebir Catalunya como autonomía. Porén, xa non de España, senón da Unión Europea hexemonizada por Alemaña. Por aí vai Mas. Por aí rachou Convergència co PP-PSOE. Felizmente, Mas non é Catalunya (por máis que os progres españois fagan interesadamente esa asimilación) e esta revolución nacional non ten por que ser conservadora. Hai outros segmentos sociais, mesmo provenientes das clases populares, en xogo, cun proxecto emancipador no económico e mesmo anti-capitalista. Eis a CUP. Así son as revolucións nacionais auténticas: ao participaren nela distintos blocos, a súa definitiva decantación nunca está predeterminada, todo depende, sabémolo de vello, de como se acabe sustanciando a loita de clases (que alivio poder utilizar esta expresión desde que a reivindicou Warren Buffet cando deixou sentado que a súa a ía gañando!).

"A unha forza progresista española debería bastarlle unha declaración de independencia masivamente respaldada polo pobo catalán"

O independentismo é portanto o factor progresivo neste momento en Catalunya e todo o demais que se lle opón, de maneira frontal ou sutil, aberta ou oblicua, é reaccionario. O independentismo en Catalunya é hoxe, no marco estatal, o único proxecto rupturista en curso e con opcións (remotas, mais opcións ao cabo) de materializarse. O conglomerado unionista que ten en contra non é progresivo, é reactivo, conservador. Sexa na súa versión puramente facha e ahistórica -ese Rajoy delirando con que España é a nación máis antiga de Europa, a evocación carpetovetónica de 1492, cando no século XII Galiza era o Reino dominante na Península e dela se esgazou Portugal: eis dúas nacións máis antigas que España-, sexa na súa versión aparentemente moderna e progre -esa Catalunya si que es Pot que afirma defender o dereito a decidir, para a seguir argumentar que a decisión ten que ser previamente pactada con España, ou sexa, nen máis nen menos que o discurso que leva defendendo o PSC de Miquel Iceta toda a vida. E non, non hai posíbel síntese. Non hai terceira vía. Unha nación ou se expresa en plenitude cando ten masa crítica para o facer ou vive permanentemente nunha frustración esterilizante que a leva ao devalo. Nese sentido acertou o nacionalismo catalán maioritario ao apostar na independencia cando viu que había quórum social. A orientación do procés, sexa o lento que for, ésa é a chave, e o horizonte de progreso só pode ser o da soberanía. 

"Un non se pode independizar só un chisquiño. Ou te independizas ou te mantés na dependencia. Ou ficas ti coas chaves do piso ou continúas baixo o dominio do caseiro"

Catalunya si que es Pot -como aquí na Galiza Beiras- pon sobre a mesa a hipótese da existencia de forzas progresistas en España, forzas coas que sería posíbel entenderse. Esa hipótese, cando referida á cuestión nacional, é realmente pouco verosímil. Di Lluis Rabell, o candidato de Pablo Iglesias no Principat, que hai que agardar como dúas xeracións para España aceitar a independencia. Hai que agardar tres ou catro décadas, para que entre as elites de Madrid se abra paso a democracia? A unha forza progresista española debería bastarlle unha declaración de independencia masivamente respaldada polo pobo catalán para aceitar o aparecimento dun novo Estado. Esa declaración non debe ser submetida a ningunha negociación: a liberdade non se negocia, conquístase. Quen pida que se transaccione con ela -que se submeta á vontade de andaluces, madrileños, extremeños...- malamente pode chamarse progresista.

Se ficase algunha dúbida a este respeito, o emperador xa falou alto e claro. Como Merkel, Obama prefire unha España "forte e unida". É evidente que a revolución nacional catalá é un movimento anti-imperialista. Da forza popular que a arroupe dependerá a súa sorte. Acho que desde a Galiza debemos colaborar no que humildemente podamos con unha causa que tamén é a nosa. Arre, non xo.

Este artigo viu a luz a quinta feira 17 de setembro, nas páxinas de Opinión do número 163 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios