Opinión

Catalunya fai historia

Este 9-N non é un día calquera. Xa está na historia.

Este 9-N non é un día calquera. Xa está na historia. Como aquel Outubro do 34 en que Companys proclamou a República catalá. Se tomamos a necesaria perspectiva, e nos afastamos con certa calma do frémito dos chíos e das redes, diríamos que este 9-N rexistou unha potentísima aceleración no proceso de autodeterminación do pobo catalán.

A declaración aprobada polo Parlament é unha xoia da política entendida como acción transformadora e constitúe un documento que será lido e relido polas xeracións que nos sucedan. Ten razón Joan Coscubiela, o portavoz de Catalunya si que es Pot, estamos ante unha declaración de insurxencia. Unha insurxencia democrática, cívica e pacífica, dun país que se insurxe face unha dominación imperial da que non cabe agardar nada. A propia posición de Catalunya si que es Pot -en teoría o tope progre que se pode esperar de España- demostra que a vía da aceitación da legalidade española é un beco sen saída para o proxecto autodeterminista. Porque toda legalidade é sempre o produto dunha determinada correlación de forzas e escusamos ler a Pérez Royo -flamante fichaxe de Podemos- para sabermos que a mudanza progresista da Constitución española é virtualmente imposíbel, sendo que o bipartidismo -xa non tan declinante, como avisa o último CIS- sempre conservará o direito de veto.

Ten razón Joan Coscubiela, o portavoz de Catalunya si que es Pot, estamos ante unha declaración de insurxencia

Esta xornada histórica obrigou as distintas forzas políticas con presenza en Catalunya -as catalás e as que son franquicias españolas- a se retratar co seu voto. O bloco independentista obtivo unha vitoria política incuestionábel e o unionismo tamén fixou a súa imaxe pétrea, desde Ciudadanos até o conglomerado de Podemos e Iniciativa per Catalunya.

Agora fica por diante materializar esta declaración. Para iso cómpre un goberno independentista e saír do sarillo do debate de investidura. Fai falta un goberno que sexa produto de pór os intereses do país por cima das pulsións partidarias. Non quero ser pomposo, mais a historia ha estar aí xulgando o que se faga. 

Comentarios