Opinión

Catalunya está, Euskal Herria estará, e Galiza?

Se ollamos o que está a pasar no Estado con perspectiva galega, tiraremos a conclusión de que nos imos ver abocados a un debate constituínte

Se ollamos o que está a pasar no Estado con perspectiva galega, tiraremos a conclusión de que nos imos ver abocados a un debate constituínte onde Catalunya está na primeira liña e Euskal Herria, máis cedo que tarde, tamén estará, así que inevitabelmente a pergunta é: que hai do noso? Que opcións temos para xogar nesta partida? Que rol nos agarda?

O réxime do 78 está nas boqueadas, non vai durar, España foi secularmente un pacto entre a oligarquía castellano-andaluza e as burguesías catalá e basca e ese contrato está roto, talvez de forma irrevogábel. Todos o saben. A Moncloa, a primeira. Rajoy fixo toda a súa carreira política especulando cos tempos, mais o tempo, por relativo que sexa, non é adiábel ad eternum. Está a chegar a hora, ara es l´hora, segadors.

Galiza estará se somos quen a facer algunhas cousas ben. E non se trata de inventar a pólvora. Ollemos para o mundo. Que podemos aprender do que se fai por aí fóra? 

É restaurábel o pacto no Estado? Na entrevista con Ana Pastor, Mas non dixo que non, dixo que dependía de que o Estado puxese unha proposta sobre a mesa, dixo algo máis, dixo que o Estado podía, el sen o problema do veto do Tribunal Constitucional, convocar o referendo, e submeter unha proposta ao pobo catalán. Que proposta tiña na cabeza Mas? Nada moi distinto a unha reforma da Constitución española -ou mellor, unha Constitución española feita ex novo- que recoñecese explicitamente que o Estado está constituído por nacións e que as nacións teñen dereito a estar ou non estar nese Estado.

Eses son os termos do debate, inevitabelmente, un debate constituínte. Nese debate vai estar Catalunya. Vai estar Euskal Herria. E Galiza?

Galiza estará se somos quen a facer algunhas cousas ben. E non se trata de inventar a pólvora. Ollemos o mundo. Que podemos aprender do que se fai por aí fóra? Que podemos aprender de Escocia? Que de Catalunya?

A emancipación nacional no planeta

Se ollamos a realidade sen preconceitos, veremos que ningún proceso de emancipación nacional no planeta se produciu pola vía de reforzar o pólo progresista/guay das metrópoles, senón pola vía do fortalecimento e alargamento dos movimentos soberanistas. Escocia non conquistou o dereito a decidir pola vía de que o SNP se diluíse nun magma informe con forzas da esquerda inglesa. Non, Escocia conquistou o seu dereito á autodeterminación afortalando o SNP como forza central e hexemónica -no mínimo nas eleccións ao Parlamento de Edimburgo-. Analogamente, Catalunya non se puxo á beira da independencia pola vía de o nacionalismo catalán se mesturar/coligar/fusionar coas pretensas forzas rupturistas españolas. Non, avanzou porque apostou sempre en alargar o espazo de influencia social das forzas política propias (e, si, as forzas políticas propias son aquelas que teñen os seus centros soberanos no país e non na capital do Estado que nega os seus dereitos a ese país).

Escocia non conquistou o dereito a decidir pola vía de que o SNP se diluíse nun magma informe con forzas da esquerda inglesa

A conclusión é nidia: se queremos estar como está o pobo catalán e como estará o pobo vasco, teremos que afortalar a serio o movimento nacionalista/soberanista/autodeterminista deste país. Teremos que pór Galiza por diante e facelo agora. Sen dar ningún proceso eleitoral por perdido. Defendendo a unidade como ben a preservar, claro, mais sempre a condición de que os cantos á unidade non anulen o pluralismo que hai no país nin mascaren unha coartada, un álibi, para quitar de en medio o referente soberanista que este país necesita para respirar.

Podemos talvez se pode permitir o luxo de prescindir dun proceso eleitoral porque o seu hábitat básico son os platós das televisións sistémicas onde sempre haberá minutos de prime time para o seu líder, mais o soberanismo galego carece desa cobertura e ten que dar a cara en todos os escenarios, porque se non está, Galiza non está, é así de claro.

Queremos que Galiza xogue na partida post-réxime do 78 que inevitabelmente  se vai xogar? Queremos que o faga como actor protagonista e non como membro indistinguíbel dun coro liderado por referentes da esquerda estatal? Pois se queremos, sexamos Galiza.

Comentarios