Opinión

Por que cala Errejón?

Cala porque ten certo sentido do espectáculo e hai veces en que un silencio sostido no tempo -e 10 días en política é unha eternidade- ten bastante de clamor, de estrondo no baleiro. Cala tamén para expresar algo: que no reino da Nova Política non é doado erguer a voz para lle levar a contraria ao Chefe. Cala por último porque ten desbotado a saída tradicional -demitir cando te ves en minoría- e está a xogar co tempo para ver de cantos soldados realmente dispón -hai moitas outras voces en silencio- para eventualmente dar a batalla.

Hai veces en que un silencio sostido no tempo -e 10 días en política é unha eternidade- ten bastante de clamor, de estrondo no baleiro

Cando o lugartenente de Errejón foi fulminado polo Chefe nun cesamento sen moitos precedentes na Vella Política -esa figura plenipotenciaria do secretário xeral marida malamente coa retórica democratista da Nova Política-, a interpretación xeral foi que a queda do errejonismo afastaba calquera hipótese de acordo de Podemos co PSOE. Discordo. Acho todo o contrario. Pablo Iglesias liquida o aparato errejonista precisamente para aplicar aquilo no que apostaba e aposta Errejón: un pacto co PSOE -unha abstención activa limitada á investidura- que evite novas eleccións e consolide Podemos como referente da esquerda na oposición. O Chefe non quería que ese movimento fose visto como unha imposición dos errejonistas, así que agora se fará baixo a súa indiscutíbel éxida.

Errejón non está amortizado. A súa posición -a de centrar Podemos para o viabilizar como un partido de maiorías nun Estado español tendencialmente de centro-esquerdas- é moi sólida face o neoanguistismo de Iglesias. En algún momento desta semana rachará o seu silencio.

Comentarios