Opinión

Cae Rodrigo Rato, o home que puido reinar

Non foi presidente do goberno porque até en dúas ocasións lle dixo que non a Aznar cando o amigo de Bush se auto-impuxo o límite de dous mandatos na Moncloa

Non foi presidente do goberno porque até en dúas ocasións lle dixo que non a Aznar cando o amigo de Bush se auto-impuxo o límite de dous mandatos na Moncloa. Iso é de máis nun partido tan cesarista como o PP. Após eses dous caneos, Rato foi ao despacho do chefe a dicer que vale, que si, que o pensara mellor. Moi tarde, amigo Rodrigo, xa me comprometín con Mariano.

Fóra de xogo na política española, Rato puxo entón rumo para o buque insignia do capitalismo globalizado e asumiu a dirección do Fundo Monetario Internacional.

Este señor ao que detiveron esta quinta feira foi vicepresidente económico do goberno español: é a primeira vez após a restauración borbónica de 1975-78 que un ex vicepresidente do goberno é detido por corrupción.

Delinquiu presuntamente o ex vicepresidente e delinquiu presuntamente o seu partido. Non hai gángster sen mafia

Os delitos son graves: alzamento de bens, branqueamento de capitais, fraude fiscal. Delitos que xustifican o epíteto que o líder da CUP David Fernàndez lle dirixiu a Rato cando este compareceu no Parlament: gángster.

Xa sabemos que os gángsters non traballan sós, senón en redes, organizados, e ese é o problema do Partido Popular, a súa corrupción non é episódica e individual, senón que atinxe xa tan vastas proporcións e a dirixentes tan principais que só pode cualificarse de estrutural, de sistémica.

Deteñen Rato por fraude fiscal. Ben, non esquezamos que o xuíz Ruz considera probado que o PP é partícipe a título lucrativo da trama de corrupción orquestrada polo seu tesoureiro, Luis Bárcenas, promovido a tal cargo por Mariano Rajoy. Delinquiu presuntamente o ex vicepresidente e delinquiu presuntamente o seu partido. Non hai gángster sen mafia.

Cae Rato, o home que puido ser presidente. E probábel que non sexa o último en caer.

Comentarios