Opinión

O búnquer de Feijóo reprime os mariñeiros

O PP ten un problema: as súas políticas son contrarias aos intereses das maiorías sociais

O PP ten un problema: as súas políticas son contrarias aos intereses das maiorías sociais, mais, sendo que estamos nun sistema de representación parlamentar, en teoría precisa do concurso das grandes masas -ou cando menos da súa inhibición- para materializar o seu proxecto. Non nos enganemos: para o PP o fundamental é isto último -despregar o seu proxecto-, e non tanto ocupar os despachos do poder formal (o poder non é un fin en si mesmo: é un medio para impor un determinado modelo social ou territorial).

E cal é o proxecto da dereita españolista na Galiza? Como dereita, ten o mesmo proxecto que o resto das dereitas planetarias: servir os intereses do capital. Digámolo en termos agora inopinadamente modernos: servir os intereses dos oligarcas (porque, con efeito, na Galiza tamén hai oligarcas, ese tipo de suxeitos non só existen en Ucraína ou na Federación rusa). Como españolista, o proxecto é afirmar a españolidade da Galiza, isto é, tornar o noso país aínda máis dependente da metrópole, máis vulnerábel, máis fráxil.

Sabe algo Rajoy do cerco? Nada. E se Rajoy non sabe nada do cerco galego, por que vou saber algo eu?, razoa Feijóo en Monte Pío.

Ese é o proxecto de Feijóo e por iso, por dereitista e por españolista, Feijóo non ten a menor vontade política de arranxar o problema que coloca sobre a mesa o cerco galego. O cerco galego non é unha abstracción. Son 160 barcos. Son 2.000 familias. Só teñen un problema: nen son oligarcas nen son importantes para España. Para España a pesca galega foi sempre residual, moeda de cambio coa que traficar en Europa.

Feijóo preocuparíase de aprender algo da pesca galega se con iso puidese triunfar nas tertulias fachas das noites catódicas/católicas madrileñas, ou se o dominio do asunto lle fose útil nas intrigas palatinas en Génova, nos despachos nos que finxe fidelidade eterna a Mariano mentres agarda o próximo esvarón para postularse como novo chefe da dereita española.

A policía española voltou a cercar o Parlamento galego, coa cumplicidade do partido zipaio local

Sabe algo Rajoy do cerco? Nada. E se Rajoy non sabe nada do cerco galego, por que vou saber algo eu?, razoa Feijóo en Monte Pío. Esa é a lóxica do aspirante. Así se gavea na escaleira española.

Esta terza feira, a capital da Galiza viviu un episodio gravísimo. A policía española voltou a cercar o Parlamento galego, coa cumplicidade do partido zipaio local. Policías españois cargaron contra mariñeiros galegos e contra lexítimos representantes do pobo, estes si saíron á rúa a falar coa xente, como corresponde á súa condición de demócratas. Feijóo, non. Feijóo acubillouse no búnker, como un autócrata.

A bunquerización é froito dun cálculo. Son reaccionarios, mais non parvos. Acreditan que só poden impor as súas políticas con represión e control da información. Reprimen co cálculo de que un sector do que chaman as maiorías silenciosas o aproba. Reprimen pensando que inoculando o medo eles gañan (o síndrome do vasalo ante o señor). Da represión, que felizmente ten o efeito colateral de indignar tamén a millenta xente, ocúpase a forza policial española, do control da información o aparato de propaganda público e para-público, aí Feijóo xestiona  a herdanza de Fraga. Os amigos mediáticos do PP criminalizan os mariñeiros. Si, son os mesmos amigos mediáticos que encoraxaron e gabaron os fascistas ucraínos que tomaron o poder polas armas en Kiev. Aí si vale a violencia, aquí nen sequer vale unha manifestación pacífica, achegarse á casa do pobo, ao Parlamento.

Resistirá Feijóo no búnquer? Talvez esa non sexa a pergunta. Talvez a pergunta é cantas doses de dereitismo españolista pode resistir a sociedade galega sen levantarse definitivamente.

Comentarios