Opinión

Beiras e o consenso

Os que andamos xa cuase nos 50 lembramos perfeitamente que o conceito consenso foi a palabra de orde durante a chamada Transición, o proceso en virtude do cal as eleites franquistas pactaron coa esquerda estatal (PSOE e PCE) as bases fundamentais -a comezar pola lei eleitoral, de nesgo profundamente conservador- do réxime do 78. O consenso é en boa medida a negación do progreso, porque envolve sempre concesións aos reaccionarios (aos que tes que incorporar ao acordo) e, portanto, soe ser máis fetiche conservador do que rupturista, xa non empregarei aquí a proscrita palabra de revolucionario.

É realmente curioso que nun proceso que se autotitula como Nova Política e se auto-regala o adxectivo de rebelde voces moi significativas fagan unha apelación tan directa ao consenso como procedimento de escolla das candidaturas para as eleccións galegas. A ver, non defenderei aquí o confronto polo confronto, eu tamén gosto dos acordos cando posíbeis, simplesmente quero dicer que en democracia cando se formulan distintas alternativas, cando existen na realidade obxectiva, o normal é que se expliciten e se contrasten e que se faga a tumba aberta, sen medos. Que se voten, que se midan os seus apoios.

Vaiamos ao concreto. Se na Marea houbese un acordo moi maioritario sobre o nome do candidato, está claro que as primarias serían prescindíbeis. Mais o certo é que non o hai, é que o debate -ou Beiras ou un merlo branco- está implícito, é tácito, non se nomea, un puritanismo pouco entendíbel do ponto de vista democrático. Pois ben, en non o habendo, aqueles que defenden o consenso o que realmente están a defender, sen o dicer, é que non apoian a opción de Beiras, pois esta foi desbotada de forma máis ou menos sutil por voces significativas dese movimento -desde Yolanda Díaz até Xulio Ferreiro.

Se na Marea houbese un acordo moi maioritario sobre o nome do candidato, está claro que as primarias serían prescindíbeis. Mais o certo é que non o hai

Os focos continúan postos en Beiras. O seu silencio non é sostíbel no tempo. Vaino ter que rachar. Os seus rivais internos agardan que non ature a presión e que se faga a un lado. Algúns dos seus máis próximos anímano a que dea un paso ao fronte e se apresente ás primarias. Outros pensan que debe manter a posición e en último termo saír dicendo: "Ben, eu non, pero entón que sexa este ou aquel".

Os tres alcaldes rebeldes constituíronse xa como un poderoso grupo de presión no movimento mareante, conscientes de que quer na Nova quer na Vella Política o poder institucional sempre impresiona. Do que dixeron en Ferrol esta terza feira dedúcese que están máis co merlo branco que con Beiras. Este sabe que está en minoría entre os dirixentes, talvez pense que, como Jeremy Corbyn, os seus apoios están nas bases: daí as súas dúbidas sobre se comparecer ou non comparecer nunhas primarias abertas. To be or not to be, debe pensar agora mesmo o veterano político de Brión.

Comentarios