Opinión

Por que baixa Podemos?

A tendencia de Podemos á baixa nos inquéritos é un feito. Por que se produce? Acho que conflúen diversos factores:

1.-O voto anti-Rajoy non entende que Podemos non coloque o desaloxo do PP da Moncloa como prioridade número 1. Os sectores máis politizados dese voto comezan a ver a Pablo Iglesias como a reencarnación de Julio Anguita, o dirixente de IU cuxa práctica deu pé á teoría da pinza (o acordo tácito co PP para destruír o PSOE).

2.-O voto Nova Política que foi a Podemos dubida se recuncar ante a evidencia de que Iglesias -non así Errejón- pon o acento na antiquísima dialéctica esquerda-direita e xa non entre os partidos tradicionais e os recentes.

3.-O voto español de Podemos que remite para o 15M de súpeto ve como os xestores dos seus sufraxios condicionan boa parte dos seus movimentos ao dereito a decidir de Catalunya. Podemos é singularmente forte en Euskadi e Catalunya e agora non está en condicións de recuar (porque se o fai perdería eficacia como dique de contención do independentismo), mais entre as reivindicacións do 15M español non estaba en absoluto o direito de autodeterminación das nacións. Nese caladoiro pode haber fugas de votos.

4.-As contradicións nas nacións sen Estado. Embora o partido incorpora no plano retórico a defensa do direito a decidir, o seu comportamento empírico nos territorios que non son nacionalmente españois é dun xacobinismo centralista que mete medo. Á tarefa de escorrentar esa impresión aplícase agora o novo secretario de Organización, Echenique, mais é probábel que segmentos de votos soberanistas que foron o 20D ás confluencias (na Galiza, as mareas) pensen agora dúas veces se votar un conglomerado no que habita un partido destas características.

5.-A indefinición do proxecto. As dúas liñas podemitas -ancorarse na esquerda (Pablo Iglesias) ou construír pobo (Íñigo Errejón)- son contraditorias. A primeira non está tan interesada en gobernar agora (o medo a ser Syriza segunda parte) como na conquista da hexemonía no campo da esquerda, a segunda pensa en centrar o partido para acceder ao goberno e ter a oportunidade de, desde o poder institucional, consolidar a organización antes de que pase de moda.

Podemos é un partido que vive por e para os inquéritos. Podemos ten todos estes dados sobre a mesa. Podemos sabe que a resultante dun remake do 20D pode ser 4 anos máis de Rajoy na Moncloa e unha maioría absoluta do centro-direita (PP+Cs) no Congreso. Embora iso, non é seguro que Podemos vaia facer todo o posíbel por evitar esas eleccións. Neste momento a batalla non é tanto entre Errejón e Iglesias, é máis entre Pablo Iglesias e o espectro de Julio Anguita.

Comentarios