Opinión

Angrois: o bipartidismo debe ser investigado

Acerta absolutamente Bruxelas ao cualificar de pouco independente a investigación técnica do sinistro ferroviario de Angrois, a maior traxedia terrestre ocorrida na historia moderna da Galiza, cun luctuoso saldo de 80 mortos.

O asunto é irmos máis alá do terreno técnico. Por que non foi independente a comisión? Obviamente porque estivo interferida polo goberno do Partido Popular.

Reparemos en que esta mesma semana coñecimos un informe sobre a implicación do Reino Unido na guerra do Iraque. O informe realizouno un órgao independente e foi encarregado por un goberno laborista, o liderado por Gordon Brown. As conclusións son coñecidas e apuntan a responsabilidade política de Tony Blair, tamén laborista. Ninguén pon en dúbida a liberdade coa que se realizou a investigación.

Calquera comparación cos procedimentos instrumentados no Estado español en relación á traxedia de Angrois lévanos a concluír que o Reino de España está a anos luz dos estándares democráticos mínimos dos países máis avanzados, mesmo se falarmos en termos de democracia formal ou burguesa.

As responsabilidades políticas do sinistro de Angrois son, pois, evidentes (só desde o ámbito político se puido interferir a investigación técnica) e sono desde o principio

As responsabilidades políticas do sinistro de Angrois son, pois, evidentes (só desde o ámbito político se puido interferir a investigación técnica) e sono desde o principio, moito antes de Bruxelas se pronunciar ao respeito após as demandas das familias das vítimas e o valioso traballo da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.

Mais esas responsabilidades son partilladas polo aínda primeiro partido da oposición, o PSOE. Foron PP e PSOE os que apresentaron como alta velocidade unha liña que non o era. Foi un ministro de Fomento do PP, Álvarez Cascos, o que á hora de planificar o AVE á meseta decidiu decidiu manter o actual trazado de entrada a Compostela -dos anos 40 do pasado século-, coa curva de A Grandeira, pese aos riscos evidentes que envolvía transitar nela para trens rápidos. E Foi baixo a xestión do actual eurodeputado do PsdeG-PSOE e daquela ministro de Fomento, José Blanco, cando se tomou a decisión de deixar o acceso a Santiago sen ERTMS, o sistema automático de freada que tería evitado a traxedia.

Consecuentemente, PP e PSOE uniron os seus votos para negaren a formación da comisión de investigación no Congreso. Esa comisión tórnase agora máis urxente que nunca. Após o ditame de Bruxelas se PP e PSOE negaren outravolta a súa constitución sería tanto como admitiren a súa culpa.

Comentarios