Opinión

Alonso Montero, Filgueira e a liberdade de imprensa

Sermos Galiza publicou no seu número 140 os poemas franquistas de Filgueira Valverde.

Sermos Galiza publicou no seu número 140 os poemas franquistas de Filgueira Valverde. Divulgamos unha investigación do profesor Freixeiro Mato, unha pesquisa que desvelou unha fraude cometida polo escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas 2015. Poderá parecer unha fraude pequena, mas as atitudes corruptas non entenden de graos. Atribuír a outro (Noriega Varela) a obra fascista dun (poemas de exaltación ao ditador Franco) é unha acción moralmente indigna. Naturalmente que a indignidade non te inhabilita para ser un grande escritor: é ben coñecido que vileza e literatura poden iren xuntas. Mais as cousas son como son e Sermos Galiza fai xornalismo, así que Sermos Galiza publica aquilo que coñece, aquilo que ve documentado e aquilo que acha ten interese para o público.

As pesquisas de Freixeiro Mato arredor dos poemas franquistas de Filgueira constitúen un dos grandes achados editoriais non só de 2015, senón dos últimos anos. Lense como un trhiller. Son un trhiller. Pesquisou paso a paso como Filgueira Valverde consumou a fraude de endosar a Noriega Varela os seus versos filo-fascistas. Non foi un pecado de inmadurez, mais si o preludio do compromiso de Filgueira coa ditadura; compromiso que o levaría a ser alcalde de Pontevedra e integrante das Cortes franquistas.

O xornalismo é básico para que a nosa civilización sexa vivível e para manter os poderes baixo control

Sabiamos que esta información non ía facer feliz a algunha xente, a xente que nos quixera desmemoriados, porque na desmemoria é como eles poden afirmar o seu dominio. O que non podiamos intuír é que a revelación das pesquisas de Freixeiro Mato fosen desgustar a Alonso Montero, o presidente da Real Academia Galega. Tanto que nos dedicou un seu artigo en La Voz de Galicia. Nel vén descualificar Sermos por publicar o que outros meios no pasado non publicaron sobre as pretensas debilidades franquistas doutras escritoras e escritores galegos.

É descorazonador que o presidente dunha institución científica lamente que un meio de imprensa faga xornalismo e poña ao alcance do público verdades incontestábeis. No seu artigo, Alonso Montero non nega que Filgueira Valverde sexa o autor dos poemas franquistas, o autor da fraude. Entón: que debería ter feito Sermos? Practicar a censura? A mesma censura que o propio Alonso Montero perpetra na súa recente biografía de Filgueira?

A decisión da RAG de dedicar o Día das Letras Galegas a Filgueira é unha decisión moi discutíbel, na miña opinión moi desafortunada, mais o que non é discutíbel é o dereito do público a ser verazamente informado. Sen garantir ese dereito non hai democracia posíbel. A mesma semana en que Alonso Montero criticaba Sermos -aliás, sen o citar, referíndose a este semanario como "unha publicación periódica galega"- un ministro do Partido Popular, o de Xustiza, amagaba con punir os meios que obtivesen información xudicial que estivese baixo sumario. Si, unha intolerábel intromisión no exercicio dun oficio, o xornalismo, básico para que a nosa civilización sexa vivível e para manter os poderes baixo control.

O 3 de maio comemorouse o Día Internacional da Liberdade de Imprensa. Con tal motivo no Sermos número 143 publicamos un A Fondo monográfico sobre o estado de saúde das liberdades das que gozamos as xornalistas e os xornalistas nunha nación negada como Galiza. É un estado delicado. O xornalismo sempre estivo baixo o foco do poder, que o considera sospeitoso e que o quer sempre amordazado. Sermos é un pedra no zapato dos poderes e continuará a selo, aínda que iso amole o señor Alonso Montero.

Este artigo viu a luz no número 144 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios