Opinión

Albert Einstein tiña razón

Todo é relativo, mais Einstein tiña razón. Todo acaba deformándose, evidentemente o espazo tempo, tamén. O que máis me interesa desta historia é que Albert Einstein fixo as súas predicións, revolucionarias, vangardistas, nunha época en que a tecnoloxía non era a que totalizaba a realidade social, non a cousificaba, todo fluía con máis naturalidade, sen tanta dependencia das máquinas, os seres humanos como centro, non os softwares informáticos. Un pouco como Newton antes. Sen correios electrónicos, sen Facebook, sen Google, sen comunicación instantánea vía Skype con Australia, sen todo o coñecimento humano dixitalizado e de doado acceso nos países abastados. Sen nada diso Albert Einstein deu un pulo sen precedentes á ciencia e abriu unha fronteira perante a cal ningún outro home sapiens se debruzara antes.

Tan é así que se seguides The Big Bang Theory -teleserie modélica pola brillantez de guión e actores- saberedes que os físicos máis talentosos do orbe, algúns dos cales supera a Einstein en coeficiente de intelixencia, teñen hoxe a humildade de recoñecer que a súa disciplina científica leva medio século tentando demostrar as teorías dun home que pisou a terra na primeira metade do século pasado.

É ben sempre sermos humildes. Aí temos Stephen Hawking. Voltou acertar onte, cando sinalou que o principal rédito que lle tiraremos ao achado das ondas gravitacionais é podermos observar como era o universo nos momentos inmediatamente posteriores ao Big Bang.

Si, ás veces ollar para atrás non é condenábel, non sempre a vangarda está no tempo no que vivemos.

Comentarios